Traballadores/as do CHUAC esixen máis persoal para “garantir a dignidade na asistencia sanitaria”

A Comisión de Centro denuncia a alarmante falta de profesionais e a sobreocupación das habitacións
Por o 27/01/2019 | Sección: CIG,Sanidad,Sindicatos
Traballadores/as do CHUAC esixen máis persoal para “garantir a dignidade na asistencia sanitaria”

Baixo o lema “Pola dignidade na asistencia sanitaria”, traballadores e traballadoras do CHUAC concentráronse este mércores diante do hospital da Coruña para esixir que se dote co persoal necesario a todas as unidades deficitarias e poder garantir así que os e as pacientes “reciban a atención e os coidados que merecen”.

A Comisión de Centro de CHUAC denunciou que as unidades de hospitalización teñen falta de persoal todo o ano, nalgúns casos porque arrastran déficits estruturais e noutros porque se lles incrementa substancialmente o número de doentes ao sobreocuparse as habitacións. Deste xeito, advirten, estanse ingresando a tres pacientes en habitacións dobres e a dous en habitacións de uso individual.

Como as unidades de hospitalización e o servizo de Urxencias están todo o ano ao límite da súa capacidade, cando se produce un incremento na afluencia e na demanda de camas (como adoita acontecer nesta temporada do ano) o resultado “é o amoreamento dos e das doentes nos corredores, unha sobreocupación das unidades e ter un persoal totalmente sobrecargado”. “Levamos dez anos sen ningunha inversión, pero isto non se sostén máis, queremos máis persoal nos hospitais e nos centros de Atención Primaria, e non máis recortes”, afirmaba a presidenta da Comisión, María Seijo (CIG).

Doentes en padiolas nos corredores de Urxencias

Neste senso, o órgano de representación alertou que “temos pacientes que permanecen en padiolas ao longo dos corredores do servizo de Urxencias, non se respectan as distancias mínimas de seguridade entre camas pola redución do espazo nas habitacións, fanse os transvases dos/as enfermos/as á cama nos corredores porque as padiolas non entran nas habitacións, etc.”, explican. Estas situacións atentan gravemente contra a seguridade das persoas doentes, o dereito á confidencialidade e o dereito á protección da intimidade e lembran que só dotando os centros sanitarios co persoal suficiente “é posíbel ofrecer unha atención de calidade. E no CHUAC non hai persoal abondo”.

De aí a consigna escollida para a mobilización deste mércores: “Pola dignidade na asistencia sanitaria” que reciben os e as pacientes “que merecen a mellor atención posíbel e en condicións que preserven a súa saúde, seguridade e intimidade”. Mais tamén “pola dignidade da asistencia sanitaria que prestamos os e as profesionais, que necesitamos tempo para atender as/os pacientes, que non podemos seguir  traballando a un ritmo frenético, contra-reloxo, sometidos/as a un intenso estrés e a sobresforzos físicos continuados”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.