Traballadores de emerxencias alertan a En Marea de tempos de resposta de ata 50 minutos no 061

Os profesionais explicaron a Eva Solla a saturación do servizo con tempos de espera nas chamadas telefónicas de máis de 20 minutos e chamadas que reciben resposta co contestador automático.
Publicado por o día 15/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

Traballadores de emerxencias alertan a En Marea de tempos de resposta de ata 50 minutos no 061

En Marea trasladará ao Parlamento as deficiencias do servizo e as reivindicacións do colectivo,  entre as que destaca a petición de recoñecemento da profesión e das competencias profesionais dos Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES) e Xestores de Emerxencias (XES).

Traballadores dos servizos de emerxencias mantiveron unha xuntanza esta mañá coa vicepresidenta da Mesa do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, na que alertaron da grave situación causada pola falla de recursos que está a provocar tempos de espera nas emerxencias atendidas polo 061 que superan 20 minutos por non haber unidade que poida facer o servizo, ou tempos de resposta por encima dos 50 minutos pola distancia ata o lugar da emerxencia. No encontro, os representantes da Asociacións de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (TES) e Xestores de Emerxencias (XES) describiron unha realidade do servizo de emerxencias con recursos “a todas luces insuficientes“ que provocan que existan zonas sanitarias con unidades sobresaturadas, tempos de espera en emerxencias por encima dos 20 minutos desde a alerta por non haber unidade que poida facer o servizo, ou tempos de resposta altísimos con máis de 50 minutos de tardanza pola distancia do lugar da emerxencia.

A falla de persoal sanitario do 061 fai que non se podan atender os casos que van entrando o que da lugar a estas longas esperas, o mesmo ocorre co número de ambulancias, igualmente insuficiente. Así mesmo, os profesionais aseguran que se están a facer servizos cun só técnico na unidade polo que ao ter que conducir a ambulancia ten que deixar ao doente so no desprazamento o que ten xa provocado a morte neste traslado sen atención posible por parte do técnico sanitario. Este tipo de casos, sen dúbida gravísimos, non transcenden a luz pública segundo explicaron os representantes do colectivo xa que os técnicos teñen medo de que se lles poda achacar algún tipo de responsabilidade nestas mortes, cando a realidade é que a carencia de recursos que os leva a ter que asistir calquera tipo de emerxencias, coma pode ser un tráfico, cunha soa persoa os está a converter en vítimas directas desta intolerable realidade.

Outra das situacións que  se repite a diario é a sobresaturación dos médicos que atenden as consultas telefónicas na central o que fai que as chamadas non podan ser trasladadas pola operadora a ningún deles e teñen que poñer en espera a persoa que está a chamar. Aínda máis alarmante é a saturación da propia centraliña de chamadas que segundo denuncian os profesionais fai que salte o contestador automático a diario ao non haber ninguén que poida nin tan sequera atender a chamada, que hai que lembrar é unha emerxencia.

No relativo as demandas laborais destes traballadores os representantes de Asgate e Tesgalicia reclamaron como unha prioridade o recoñecemento de profesión e das competencias profesionais dos TES, así como dos XES da Central de Coordinación do 061. Hai que resaltar que o título de TES ven acompañado dunha formación oficial de 2.000 horas na cal adquírense unha serie de coñecementos e técnicas que despois no traballo do día a día non se poden facer, xa que desde a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia (FPUS 061) se poñen trabas a diario para as desenvolver.

Outras das demandas presentadas na xuntanza con En Marea foi a elaboración dun rexistro de profesionais, a inclusión dos TES na Comisión de Transportes da FPUS 061 na que se deciden entre outros temas, as características técnicas dos vehículos asistenciais e o equipamento, a creación dunha Lei que regule os Desfibriladores Semi-automáticos (DESA), os Dispositivos de Risco Previsible (DRP) e os Plans de Emerxencias Municipais (PEMU) xa que Galicia non ten norma escrita que o regule onde deben estar colocados nin quen os pode manexar.

A vicepresidenta da Mesa do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, anunciou o rexistro por parte do seu grupo de diversas iniciativas parlamentarias orientadas por un lado a solicitar os datos oficiais tanto de servizos do 061 como de tempos de espera así como as reivindicacións dos traballadores dos servizos de emerxencias en Galicia.

ORZAMENTOS 2017: SEN COMPROMISOS NA LOITA CONTRA A CORRUPCIÓN

Para en Marea as liñas de actuación marcadas pola Vicepresidencia nos Orzamentos para 2017 reproducen carencias e precariedades dos exercicios pasados. Neste sentido, o portavoz de En Marea Luís Villares cuestionou a taxa de reposición de traballadores na administración pública, cun 30 por cento de temporalidade , que abocan ao persoal aos xulgados e ofrecendo servizos á cidadanía de menor calidade.

Respecto da loita contra a corrupción, as contas para 2017 non contemplan ningún posicionamento da asesoría xurídica con respecto a estes casos nin sobre os agasallos a cargos públicos. “No caso de que algún cargo público da Xunta de Galicia fose encausado por este tipo penal, cal será a posición da asesoría xurídica da Xunta? ” preguntou Villares ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao mesmo tempo que cuestionou que precisasen dun código ético para decatarse de que debían rexeitar agasallos de empresarios con concesións públicas.

En Marea tamén interpelou ó vicepresidente da Xunta sobre as partidas destinadas a programas de igualdade, sobre os atrasos xudiciais nalgúns casos superiores a tres anos nas Salas do Social de Santiago, Vigo e Lugo ou sobre a improvisación do PP en cuestións tan relevantes como a fusión dos concellos.

Na súa resposta ao tratamento dos casos de corrupción, Alfonso Rueda, limitouse a remitir ao código ético que dende 2014 xa ten aprobado a Xunta e deu evasivas con respecto ao colapso xudicial argumentando que os novos órganos se pactan cos xuíces. O vicepresidente da Xunta tamén botou man do eufemismo “reasignación de efectivos” eludindo falar da taxa de reposición laboral na administración pública.