Traballadores/as de Segur Ibérica reclaman á empresa o cobro dos seus salarios

Membros do Comité e representantes sindicais permanecen no interior das oficinas da empresa en Oleiros
Publicado por o día 21/11/2016 na sección de A Coruña,CC.OO,CIG,Galicia,Sindicatos,Vigo

Traballadores/as de Segur Ibérica reclaman á empresa o cobro dos seus salarios

Traballadores e traballadoras de Segur Ibérica concentráronse diante da sede da empresa en Oleiros para esixir o cobro dos seus salarios e demandar información verídica fronte aos rumores e especulacións sobre o futuro dos empregos xurdidas nas últimas semanas. Un grupo de represenantes do persoal permanece dende as 12 do mediodía nas dependencias da delegación agardando a que empresa responda as súas demandas.

Os atrasos no pago das nóminas veñen sendo habituais dende o mes de marzo, explica Rocío Doce, da CIG-Servizos, mais nunca se demorara tanto o ingreso como neste mes. Segur Ibérica conta en Galiza cuns 700 traballadores/as e calcúlase que hai sobre uns 51 que aínda non percibiron o salario de outubro. Ademais, tamén se dan casos de empregados/as que teñen pendente de recibir parte dunha paga extra.

Xunto a isto, a empresa está actuando de maneira estraña xa que paga “selectivamente” ao seu persoal, e por exemplo, sábese de centros de traballo no que todos os/as traballadores/as cobraron o mes de outubro, agás unha persoa, ou doutros centros nos que non cobrou practicamente ninguén.

A sindicalista atribúe este proceder a unha estratexia de amedrentamento do cadro de persoal, no contexto do anunciou da empresa de iniciar un expediente de regulación de emprego. ERE do que até o momento non se ten información concreta nin verificada e só “hai rumores que xeran máis incerteza entre o persoal”.

Para aclarar todas estas cuestións e reclamar de primeira man o pago inmediato das nóminas, representantes do persoal de CIG, CCOO e USO solicitaron unha reunión co responsábel territorial da empresa en Galiza. O encontro produciuse ao mediodía, pero pasadas as seis e media da tarde a representación social aínda permanecía nas oficinas da delegación de Segur Ibérica, agardando por unha resposta dende Madrid.

Dende a CIG-Servizos reclaman de Segur Ibérica “que deixe de xogar co pan dos/as traballadores/as e as súas familias” e advirten “que non imos consentir este tipo de comportamento”.