Traballo dá 3 meses á EOXI de Vigo para que avalíe os riscos psicosociais dos facultativos de todos os centros da área

A EOXI de Vigo non elaborou a avaliación de riscos dos médicos de familia e pediatras e non planificou as accións preventivas necesarias
Por o 21/08/2019 | Sección: Cesm-Galicia,Galicia,Sanidad,Sindicatos,Vigo
Traballo dá 3 meses á EOXI de Vigo para que avalíe os riscos psicosociais dos facultativos de todos os centros da área
Compartir en:
A Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra requiriu á EOXI de Vigo para que nun prazo de tres meses elabore a Avaliación de Riscos Psicosociais de todos os Centros de Saúde da área Sanitaria de Vigo, no que respecta a os médicos de familia e pediatras e, a partir dos resultados, efectúe a Planificación Preventiva e adopte as medidas necesarias.
 
Este requirimento prodúcese a raíz do escrito remitido o pasado mes de abril pola representante de CESM en Vigo Herminia Vázquez á Inspección de Traballo, no que denunciaba o incumprimento da EOXI de Vigo en materia de prevención de riscos laborais, xa que non se elaborou a correspondente avaliación de Riscos Psicosociais entre os facultativos de todos os centros de saúde da área e, por tanto, non se puideron adoptar as medidas preventivas necesarias.
 
A inhumana carga de traballo que padecen os médicos de familia e os pediatras dos Centros de Saúde da área de Vigo foi o detonante que conduciu ao Sindicato Médico a poñer en coñecemento da Inspección de Traballo os incumprimentos da EOXI, xa que os facultativos teñen que atender ata 50 pacientes diarios cuns tempos de dedicación claramente insuficientes, o que provoca graves situacións de tensións nos profesionais.
 
A portavoz sindical explica no seu escrito que, fisicamente os médicos de familia e os pedíatras están sometidos a unha tensión que pode degenerar en doenzas tanto físicas como psíquicas que non teñen a obrigación de soportar, xa que a lexislación vixente establece o dereito de todo traballador a unha protección eficaz en materia de saúde laboral
que, neste caso, corresponde á Administración, o que implica a adopción das medidas necesarias que garantan esa protección.
 
Herminia Vázquez engade que a presión asistencial é ‘inaguantable’ física e psicoloxicamente para o facultativo; e profesionalmente ‘inadmisible’, xa que cos tempos de dedicación por paciente non se pode prestar unha atención médica de calidade.
 
CESM afirma que a sobrecarga de traballo e a falta de tempo que se pode dedicar a cada paciente é xeneralizada nos centros de saúde de toda Galicia, onde cada día pódense apreciar máis cadros de tensións e ansiedade entre os médicos de familia e os pedíatras.
 
O Sindicato Médico, por último, responsabiliza á Xerencia da EOXI de Vigo das consecuencias e danos físicos que se deriven da tensión laboral que sofren os profesionais por mor da tremenda carga de traballo que soportan.

Comentar noticia

Your email address will not be published.