Traballos para coñecer o alcance da rotura da canalización de auga potábel na rúa Peregrina

A rotura rexistrouse ás catro da madrugada e afectou aos locais comerciais da rúa.
Publicado por o día 09/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Traballos para coñecer o alcance da rotura da canalización de auga potábel na rúa Peregrina

A rotura rexistrouse ás catro da madrugada e afectou aos locais comerciais da rúa.

É unha tubaxe de 250mm de fibrocemento que non é de uso doméstico, senón que pertence ao cinto xeral de distribución de auga na cidade.

O Concello de Pontevedra, a través da empresa concesionaria do Servizo do Ciclo da Auga, Viaqua, traballa en coñecer a envergadura da rotura da canalización de auga potábel na rúa Peregrina, á altura da Librería Paz. A concelleira responsable do departamento, Carme da Silva anunciou esta mañá que ningunha vivenda está sen auga xa que se subministra a través do segundo cinto de auga da cidade.

A rotura rexistrouse ás catro da madrugada cando un veciño avisou á Policía Local para informar do que acontecía. Nese momento avisouse á empresa concesionaria que procedeu a pechar a canalización. Trátase dunha tubaxe de 250mm de fibrocemento que non subministra a vivendas, senón que pertence ao cinto xeral de distribución da cidade.

Até o lugar se trasladaron a primeira hora da mañá a concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, acompañada do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, e da concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, xunto aos xefes municipais das oficinas de enxeñería e arquitectura e responsables da empresa concesionaria.

Os traballos consisten en levantar o pavimento necesario para coñecer o alcance dos danos e proceder á reparación.

Na mañá tamén se trasladaron peritos do seguro da empresa concesionaria aos establecementos comerciais afectados para ter conta dos danos. Especialmente afectada viuse a librería situada fronte á rotura.