Tradutoras e intérpretes achegan, desde a perspectiva de xénero, novas olladas da súa profesión

A profesora Maribel del Pozo fixo fincapé na importancia de divulgar os traballos que se están a realizar nestes eidos
Publicado por o día 20/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

Tradutoras e intérpretes achegan, desde a perspectiva de xénero, novas olladas da súa profesión

De que maneira se neutralizan contidos igualitarios no proceso de dobraxe dunha película? Que oportunidades e desafíos presenta a interpretación telefónica en casos de violencia machista? Que tipo de problemas de comunicación se dan nos xuízos mediados por intérpretes, incluídos os de violencia de xénero? Estas son algunhas das preguntas as que se tratou de dar resposta ao longo desta mañá na II Xornada Investigación en tradución e interpretación: novas olladas dende a perspectiva de xénero, unha actividade organizada polo Grupo de Investigación Bifega (Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación) en colaboración coa Unidade da Igualdade.

“Con este tipo de xornada o que queremos é non só remarcar a importancia de facer investigación con perspectiva de xénero, senón tamén, e sobre todo, visibilizar o que se está a facer e que non quede gardado no disco duro dun ordenador”, explicou a profesora Maribel del Pozo, coordinadora das xornadas xunto coa tamén docente Kathleen Goetz. Ambas estiveron acompañadas no acto de apertura poloo decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, Luis Alonso Bacigalupe, e a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, quen aproveitou a súa presenza na FFT para destacar a importancia deste tipo de actos “porque dan a coñecer as investigación que agora mesmo se están a facer sobre tradución e interpretación con perspectiva de xénero, e tamén pola relevancia que teñen para a vosa formación, tanto a nivel académico, como para o voso exercicio profesional, no que ides ter o labor de interpretar a realidade a través da palabra, e esa realidade, ademais de moi diversa debería tamén ser moi igualitaria”.

Contidos igualitarios… na dobraxe de películas

O programa da xornada abriuse coa participación da investigadora Rut Guinarte, asistente de investigación no proxecto europeo SOS-VICS de mediación lingüística en casos de violencia de xénero con vítimas/sobrevivintes estranxeiras, que expuxo os resultados da súa tesina de mestrado, na que aborda a dobraxe ao italiano/español de películas actuais de corte igualitario. “Cineastas como Inés París, Icíar Bollaín ou Maria Sole Tognazzi preséntannos mulleres en situacións moi diversas: unha música lesbiana sesaxenaria, unha muller que sofre violencia de xénero ou unha inspectora de hoteis de luxo que, pasados os corenta, segue felizmente solteira. Que sorte sufrirán ao viaxaren entre culturas?”, preguntou a autora, previamente a tratar con máis profundidade estes temas.

… na interpretación telefónica en chamadas de emerxencia

Nas dificultades e oportunidades que brinda a interpretación telefónica en chamadas de emerxencia motivadas pola violencia machista centrouse Magdalena Fernández Pérez, coordinadora académica e docente no Mestrado en interpretación de conferencias da Universidade de La Laguna e especialista en temas de interpretación a distancia (IAD) e, máis concretamente, da interpretación telefónica, un tipo de traballo que, baixo o seu punto de vista, “require dunha formación especial por parte das e dos intérpretes, xa que o que prima neste tipo de situacións é salvagardar a integridade física da muller, o que pode incluso levar a unha aplicación máis flexible dos seus estándares deontolóxicos.

… nos procesos penais

Ademais destas dúas expertas, nas xornadas contouse temén coa participación de Carmen Bestué Salinas, profesora do Posgrao de tradución xurídica e interpretación xudicial da Universidade Autónoma de Barcelona, membro do grupo MIRAS (Mediació, Interpretació i Recerca en L’àmbit Social) e unha das investigadoras principais do proxecto TIPp (Tradución e Interpretación nos procesos penais). Durante a súa intervención analizou os problemas aos que se enfrontan as e os intérpretes xudiciais e clasificou as principais estratexias ou técnicas que empregan para resolvelos. En concreto, presentou o corpus elaborado polo proxecto TIPp a partir de gravacións reais de procesos penais nos tribunais do Penal de Barcelona, seleccionando exemplos centrados nos xuízos sobre violencia de xénero. “O obxectivo é xerar recursos que axuden a mellor a interpretación xudicial”, indicou a experta.