Tramas incendiarias. “Quen minte engana, quen engana minte”

Publicado por o día 20/10/2017 na sección de Amigos da Terra,Galicia,Ourense,Política

Mentiras e enganos, desviar a atención para non asumir as responsabilidades. Trama incendiaria!!! outra vez volve a conspiración dunha trama que explique a vaga de lumes que sufrimos estes días en Galicia. Moitas declaracións valeiras de obxectividade, de novo hipóteses sinxelas e sen fundamento. Declaracións imprudentes premeditadamente condimentadas con falla de memoria. Revisemos as hemerotecas e saquemos conclusións.

Dende 1975 vense utilizando en Galicia o termo “terrorismo incendiario” para describir situacións como as vividas estes días en Galicia. Termos como “Gente dispuesta a quemar Galicia”, “terrorismo incendiario”, “organizacións incendiarias”, “incendiarios organizados”, “trama organizada”, “incendiarios de escaparate”, etc.

Fagamos un pouco de memoria. No 1990, o entón Conselleiro de Agricultura Gandería e Montes, Romay Beccaria apareceu nos medios cun paracaídas do que dependuraban uns cartuchos que segundo el usaran “incendiarios” para queimar os montes da parroquia de Breixas no concello de Silleda, tamén apareceron velas, bengalas lanzadas con pistolas especiais no concello de Navia de Suarna, Pazos de Borbén… ao pouco un fogueteiro “pirotécnico de Betanzos” aseguraba cos paracaídas do Sr. Romay eran foguetes de verbenas que se usaban nas festas patronais. E rematouse coa trama e non houbo máis declaracións. O Sr. Romay Beccaria foi o que mellor e máis estendeu o corpus ideolóxico do PP sobre a responsabilidade ecoloxista na trama incendiaria. No ano 2002, escribía na prensa galega que “en los montes gallegos ardían por la acción de incendiarios organizados que pretenden un cambio de la política forestal” afirmando que “individuos empeñados en eliminar determinadas especies, pueden caer en el fanatismo y en la irracionalidad y, oportunamente agrupados y organizados, pueden llegar a utilizar el incendio como un arma”.

Semana Santa de 1995, días despois dunha vaga incendiaria con 600 focos en só tres días 2000 hectáreas calcinadas, o entón Presidente da Xunta de Galicia, Fraga Iribarne, afirmou que “lo que no se puede evitar es que haya algún terrorista, unos políticos, y otros medioambientalistas que aprovechen estas circunstancias”. Máis tarde o entón Conselleiro de Agricultura, Tomás Pérez Vidal, reafirmou e confirmou o dito polo presidente, o seu convencemento de que existía un “terrorismo incendiario”.

Ese mesmo ano, entre o 25 e o 30 de agosto, rexistráronse máis dun millar de lumes forestais. Ese ano arderon 46.669 ha. a Xunta cualificou de “terrorismo incendiario” a profusión de incendios en Galicia. O fiscal xefe de Galicia, Ramón García Malvar, afirmou que “bandas organizadas de incendiarios han convertido Galicia en una inmensa hoguera”. E tamén, como non, atoparon “aparellos incendiarios” e mecanismos retardantes de fabricación caseira. Ningunha das 55 detencións realizadas ese verán permitiu confirmar a teoría da trama criminal organizada.

No 1998 outra vaga de lumes arrasou os montes de Galicia con condicionantes meteorolóxicos extremos: seca, calor e vento del nordés. Entre o 9 e o 27 de agosto rexistráronse centenares incendios, 18.500 hectáreas arrasadas. O PP e a Xunta volveron a defender a tese da trama organizada que explicaba a ola incendiaria. Ningunha proba, ningún “terrorista incendiario detido”.

Ano 2000 primeira quincena de setembro Lugo e Ourense foron as máis afectadas. O lume ceibe e ao chou arrasou dende principios de ano 30.000 hectáreas. Ao remate do ano 45.952 ha. calcinadas/estragadas. Incendios especialmente virulentos e graves na contorna da cidade de Ourense. O Delegado Provincial, da entón Consellería do Medio Ambiente, Prado Verdeal, cualificou este fenómeno de “incendios de escaparate” e de estar “planificados polo mesmo cerebro”. Este mesmo termo, “incendios de escaparate para chamar a atención da cidadanía”, tamén foi usado polo entón Conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo Jimenez.

A situación vivida nestes días en Galicia ten como referente máis próximo a brutal vaga de incendios no agosto de 2006, nas que foron calcinadas 85.000 hectáreas, vaga de lumes na que faleceron catro persoas, entre os días 4 e 15 de agosto chegou a haber 1.900 incendios forestais. O informe presentado no 2007 pola Fiscalía foi resumido en poucas verbas polo entón fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Carlos Varela García: “Non hai tramas organizadas detrás dos incendios forestais rexistrados o ano pasado en Galicia”

O informe reflectía que o 94,2% dos detidos como autores dun incendio forestal actuaron sen cómplices e o 92,8% fixérono sen coautores. Non se detectou ningún caso de grupo organizado.

Algún dato máis daquel informe: Fronte ás estadísticas oficiais de anos anteriores que situaban a intencionalidade dos incendios en Galicia nun 84,7% (fronte ao 33% da media do Estado), a cifra diminuía no 2006 ata o 60%, de acordo coas investigacións realizadas polos axentes forestais e as forzas de orde pública, o 38% dos incendios tivo a súa orixe en prácticas tradicionais, (eliminación de matogueiras, refugallos agrícolas, rexeneración de pastos, espantar animais salvaxes). E case a metade dos incendios, o 48,77%, respondeu a causas descoñecidas. Só o 7% dos lumes foron provocados por “pirómanos” segundo o informe da fiscalía.

No 2006 o entón líder do PP Mariano Rajoy Brey acusaba de inmoralidade á Xunta de Galicia por alimentar a existencia de supostas tramas ou grupos organizados, bó tamén daquelas o Sr. Rajoy defendía un referendo en Cataluña “Cuando los ciudadanos piden un referéndum porque quieren opinar, la respuesta no puede ser tranquilos, no pasa nada, confíen en mí’. ¿Qué broma es esta?”.

De novo no 2017 perda de memoria repentina e volta aos enganos e as mentiras para agochar a súa incompetencia. O Sr. Presidente do Goberno central, Don Mariano Rajoy Brey e o Presidente da Xunta de Galicia, Don Alberto Núñez Feijoo que na oposición criticaron a política forestal da Xunta e descalificaron a teoría das tramas incendiarias organizadas, están agora usando esta teoría como escudo diante da dimensión da traxedia, como desculpa pola falla de previsión, por covardía ao non asumir as responsabilidades que todo gobernante cun mínimo de ética debe practicar nos países desenvolvidos.

Hipóteses sen probas

Neste caso como noutras moitas actividades débese por en práctica o “principio de precaución” e non xogar ao “díxome, díxome e pataqueiradas”. En calquera caso a investigación dos incendios producidos estes días, puntal básico para solucionar este “cancro con metástase”, ademais das pescudas que aclaren se hai ou non hai unha trama organizada, debe explicar como é posible que solo se argumente sobre a súa existencia cando se exerce o goberno da Xunta de Galicia e non cando se está na oposición.

Ata hoxe ninguén puido probar a teoría da trama organizada criminal, os centos de detidos nos últimos años acusados de provocar incendios forestais só teñen as seguintes coincidencias: épocas do ano (condicionantes meteorolóxicos), aparellos incendiarios rústicos e primitivos, veciños do lugar onde se produciu o incendio ou como moito da parroquia do lado, comportamento pouco social e algunha que outra eiva mental, escapes de queimas, accidentes…

Os investigadores tamén teñen que deixar negro sobre branco que tipo de organización hai detrás, financiamento, os móbiles político-ideolóxico que os move, como abarcan un territorio tan amplo, intereses existentes en queimar o país, comunicacións e aparellos usados…Os gobernantes deben deixar traballar aos investigadores, deben respectar o principio básico de todas as policías “a cautela, o segredo, custodia das probas, identificación dos delincuentes e a súa posta a disposición xudicial” todo elo sen inxerencias que muden as investigacións en curso.

O espectáculo político que están dando de novo é penoso. Presidente do goberno central e autonómico que diante dos incendios forestais teñen unha reacción con grandes doses de inmadurez e falla de respecto a cidadanía que representan por non dicir a verdade. A única desculpa que teñen pola súa actitude é que posiblemente foran enganados polos seus asesores.

Permitan só tres consellos:

– Déixense aconsellar polo mundo científico (universidade, biólogos, investigadores de incendios, forestais, propietarios de montes, ambientalistas).

– Constitúan xa dentro dos Consellos Forestais, estatal e autonómico, a tan demandada Mesa técnica de traballo sobre a prevención e defensa contra os incendios forestais, grupo de traballo da que ten que saír as propostas dunha política forestal e de loita contra os incendios consensuada entre todos os axentes sociais que axuden a por solución a este grave problema.

– Poñan en marcha de forma urxente actuacións que minimicen os danos producidos, ecolóxicos, económicos e sociais. Axuden ás persoas afectadas, ás explotacións gandeiras. Urxe levar adiante traballos que eviten a erosión e os arrastres de cinsas aos acuíferos e os cursos fluviais. A rexeneración-recuperación dos ecosistemas afectados.

A sinceridade é un principio básico para solucionar as eivas. De non demostrar a existencia da trama incendiaria da que falan, os señores do Goberno central e da Xunta de Galicia están mentindo e están enganando. Nos países desenvolvidos os gobernantes que menten e enganan sinxelamente, dimiten.

Xosé Santos Otero, Traballador forestal e vogal no Consello Forestal de Galicia en representación da organización ambientalista Amigos da Terra