Transporte Metropolitano de Vigo

Publicado por o día 07/02/2014 na sección de Compromiso por Galicia,Política

Transporte Metropolitano de Vigo

  Compromiso por Galicia esixe á Xunta de Galicia e ao Concello de Vigo unha negociación sinceira e aberta cara a lograr un acordo sobre Transporte metropolitano da comarca de Vigo.

  A través do seu responsable local en Vigo, Henrique Macías, CxG, solicita boa vontade a ambas Administracións, pensando nos claros beneficios que aportaría para os cidadáns da comarca a materialización dun convenio de Transporte metropolitano.

  CxG lembra que a cidade de Vigo non pode permitirse seguir a perder axudas e subvencións doutras administracións como foron os casos da Cidade da Xustiza ou a Biblioteca do Estado, fracasos nos que teñen pesado máis os desacordos políticos e persoais que o beneficio para a cidade. Para Henrique Macías “Vigo debe recuperar o liderazgo como motor económico de Galicia e para iso debe potenciar as posibilidades da súa área metropolitana, que leva anos en letargo e abandono institucional”.

  Compromiso por Galicia lembra os efectos positivos dun Convenio de Transporte Metropolitano que implicaría un incremento do uso do transporte público cara a Vigo, abaratando o prezo do billete e reducindo o tráfico privado no centro, e a facilidade dos vigueses para desprazarse aos concellos da área metropolitana, co movemento económico que isto xenera para os mesmos.

  Finalmente Compromiso por Galicia fai un chamamento á colaboración institucional e ao desbloqueo das negociacións sobre este Convenio de Transporte Metropolitano, e reclama tanto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, como ao Conselleiro de Infraestructuras, Agustín Hernández, evitar o uso partidista desta negociación e sentarse o tempo que sexa preciso para, en colaboración co resto de alcaldes da comarca, acadar o mellor acordo posible para todos.

PRENSA CXG