Trasladada unha persoa en Marín con síntomas de intoxicación despois de incendiarse a cociña da súa casa

Por o 18/02/2018 | Sección: Sucesos
Trasladada unha persoa en Marín con síntomas de intoxicación despois de incendiarse a cociña da súa casa

Unha persoa foi trasladada ao Centro de Saúde da localidade con síntomas de intoxicación  debido ao  fume rexistrado na vivenda que provocou unha pota ao lume.

Pasados uns minutos das 00:30 horas desta madrugada, un particular alertaba ao 112 Galicia dun incendio na cociña dunha veciña, posiblemente, provocado por unha tixola que quedara ao lume, na Rúa Jaime Janer, na localidade pontevedresa de Marín.

Tras o aviso, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia alertouse aos Bombeiros de Morrazo que decontado se desprazaron ao punto.  Do mesmo xeito, informouse da situación aos Bombeiros de Pontevedra, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Nada mais chegar ao lugar, os axentes da Policía Local confirmaron ao persoal do CIAE que debido ao fume provocado pola tixola que quedara ao lume, os residentes foran desaloxados da vivenda por precaución.

Unha vez apagado o lume os membros de extinción do Morrazo indicaron que ardera unha pota, a campá extractora e os mobles circundantes.

Caldeira ardendo en Vedra
Por outra banda, sobre as 19:00 horas da tarde pasada unha persoa particular indicaba ao 112 Galicia que lle ardía a caldeira de gas e todo o que tiña ao seu redor, en San Fins de Sales, no termo municipal coruñés de Vedra.

A alertante descoñecía como actuar e indicaba que tiña a casa chea de fume moi negro.  De inmediato, o CIAE alertou dos feitos aos Bombeiros de Ordes, que mentres se dirixían ao domicilio, explicaban ao alertante de cómo tiña que actuar.

Os Bombeiros de Santiago tamén foron alertados da situación polo 112 Galicia, así como, a Garda Civil, os membros do GES e de Protección Civil da Estrada e da  localidade.

Finalmente, os membros do parque comarcal de Ordes indicaron que só se viu afectado o cadro eléctrico da caldeira, posiblemente, debido a un curtocircuíto do sistema eléctrico.