Trasona decide as prazas para o Europeo e Copas do Mundo

Os padeeiros galegos mídense nun control selectivo da Federación Española de Piragüismo
Por o 01/04/2019 | Sección: Deportes,Piragüismo
Trasona decide as prazas para o Europeo e Copas do Mundo
Dezasete padeeiros de equipos galegos participan desde hoxe ata o venres no encoro de Trasona, en Avilés, nun control selectivo no que se poñen en xogo as prazas para participar representando a España nas Copas do mundo e Xogos Europeos sobre as distancias de 200, 500 e 1.000 metros na modalidade de Kaiak.
 
As probas darán comezo ás 9.00 da mañá coas semifinais da proba de K1 1000 masculino nas que participarán os deportistas do Kaiak Tudense Roi Rodríguez, Albert Martí, Rubén Millán, David Dá Rocha, Raimon Gastaldo e Pedro Vázquez, acompañados por Iago Monteagudo do Naval de Pontevedra e Óscar Carreira do Náutico Firrete..
 
Ademais, ao longo dos catro días de probas tomarán parte, Carlos Arévalo (Ría de Betanzos), Cristian Toro (Fluvial de Lugo) e Rodrigo Germade (UCAM).
 
A dirección técnica da federación nacional decidiu tamén realizar as pertinentes probas selectivas para as mulleres neste primeiro control do ano. Así ben na liña de saída das series de 500 e 200 metros estarán, Teresa Portela ( UCAM), Natalia García (Breogán), Ana Varela (Kaiak Tudense) e a súa compañeira de equipo Sara Ouzande, así como Carolina García (E. P. Cidade de Pontevedra) e Camila Morison (Náutico Pontecesures)
 
As augas do encoro asturiano non terán descanso durante esta semana, o sábado e domingo celebrarase a 1º Copa de España da tempada sobre as distancias de 1000 e 500 metros, onde os clubs galegos volverán ser protagonistas. Esta competición tamén servirá de selectivo para a categoría junior C1, o vencedor da proba conseguirá o billete para os campionato de Europa e mundial da categoría.

Comentar noticia

Your email address will not be published.