Trazos e pontes coa cultura chinesa

O seu obxectivo foi espertar a curiosidade por coñecer este idioma
Por o 28/01/2019 | Sección: Galicia,Ourense,Universidade de Vigo
Trazos e pontes coa cultura chinesa

Como xa o fixeron anteriormente os campus de Vigo e Pontevedra, este xoves o campus de Ourense acolleu a celebración dun Obradoiro de caligrafía chinesa, gratuíto e aberto ás persoas interesadas organizado polo Centro de Linguas. O seu obxectivo foi espertar o interese pola cultura e a lingua chinesas e dar a coñecer neste campus a Aula Confucio da Universidade de Vigo e as súas actividades.

Trala celebración por primeira vez en Vigo en novembro deste taller e outro de recortado de papel chinés, neste mes de xaneiro, o Centro de Linguas optou por estender aos diferentes campus da Universidade unha iniciativa dirixida a dar a coñecer nas tres cidades a creación desta aula, a única existente en Galicia, nacida en 2018 ao abeiro do Instituto Confucio da Universidad de León, segundo explica Mercedes Álvarez, xefa de estudos do Centro de Linguas.

Riqueza patrimonial

O taller de caligrafía correu a cargo de Lili Wo, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade Kanagawa Yokohama de Xapón e docente do Instituto Confucio, que explica que os obxectivos destas iniciativas “son achegar a cultura chinesa á sociedade en xeral, amosar a riqueza do patrimonio cultural chinés”. Tamén, apunta, pretende promocionar o Obradoiro de iniciación á lingua e cultura chinesa que, da man da Aula Confucio, o Centro de Linguas trae este cuadrimestre como novidade ao campus de Ourense.

Ao longo da actividade Lili Wo explicou ás asistentes ao obradoiro de caligrafía a historia desta técnica, a súa importancia na cultura chinesa e no conxunto de Asia, a súa práctica e os materiais que se empregan nela. Ademais de escoitar as súas explicacións, as participantes tiveron a oportunidade de pórse mans á obra e facer os seus primeiros bocexos de caligrafía chinesa, algúns deles dedicado á próxima celebración do Ano Novo Chinés. Facendo fincapé en que a caligrafía chinesa é unha arte que no seu país aprenden desde nenos e nenas nos colexios, Lili Wo recalcou como a práctica da caligrafía non é só útil para aprender un idioma senón que tamén é interesante para as persoas que non saben o lingua xa que lles proporciona relaxación e concentración.

Comentar noticia

Your email address will not be published.