Tres concertos con artistas actuais para despedirse do Pergamiño Vindel

Iván Ferreiro ou Pablo Novoa son algúns dos artistas que participarán na despedida do Pergamiño Vindel en Vigo. Antes, poderase gozar doutros dous concertos gratuítos no museo

Entre as actividades para os escasos últimos trinta días do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, destaca o concerto Primeiro elepé vigués, no que participarán varios artistas galegos de renome no panorama musical nacional. Pero antes, poderase gozar doutros dous concertos gratuítos no mesmo museo, todos eles pertencentes ao ciclo de concertos Homenaxe ás trobadoras e trobadores do século XXI.

Os nosos : Martín Códax e ou seu tempo

O 25 de febreiro está programado un concerto baixo a dirección de Alberto Abal, Os nosos : Martín Códax e ou seu tempo e sobre a obra As sete cantigas de Martín Códax do falecido José Barja Iglesias, compositor e mestre organista. O concerto contará con varios grupos corais e evocará a personaxes da lírica galaico–portuguesa como Mendinho, Johan de Cangas, D. Dinís ou Alfonso X. Está programado para as 12 do mediodía e é gratuíto ata completar aforamento (250 persoas).

As cantigas de Martín Códax no Pergamiño Vindel

O 2 de marzo, haberá un concerto tamén gratuíto ata completar aforamento (250 persoas) no mesmo museo, ás 19 horas. Neste caso, da man do departamento de Música Antiga do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Tratarase dunha interpretación musical das cantigas partindo da información que leva o propio documento. A sesión leva por nome As cantigas de Martín Códax no Pergamiño Vindel e contará ademais con introducións explicativas.

Outra das súas características vén dada porque se utilizarán instrumentos da música medieval galega. Os artistas serán Esperanza Mara, voz; Sara Ruíz, fídula; Rebeca Carrera, zanfona; Rafael Muñoz, oud e Carlos Castro, percusión e salterio.

O primeiro elepé vigués

Fai referencia ás cantigas do devandito pergamiño como primeiro disco da historia da cidade galega. Unha especie de unión entre os trobadores de outrora e os trobadores actuais e entre os que se contará con artistas galegos de varias xeracións.

A compositora e cantante Lydia Botana será a presentadora. Entre os músicos de La Movida, cóntase coa presenza de Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza e Víctor Aparicio. Representando aos noventa, aparecen músicos da talla de Iván e Amaro Ferreiro, a violonchelista Rosa Cedrón e a gaiteira Susana Seivane. Eladio Santos, revisionista da canción popular galega e do pop internacional, será o representante da xeración do XXI, xunto con Patricia Moon, a cantante de soul Wöyza e Lucía Martínez, baixista de Agoraphobia.

O concerto será o 3 de marzo ás 21 horas, un día antes da finalización da exposición do pergamiño en Vigo. O lugar, o Teatro AFundación de Vigo, e a diferenza dos anteriores terá un custo de 5 euros.

A exposición finalizará o 4 de marzo para volver a The Morgan Library & Museum de Nova York. Ata a data conta con máis de 35.000 visitas. Entre outras actividades destacan os VindeTapas e os “Xoves de Vindel “ ou as pasadas travesías pola ría de Vigo, VindeVídeos e Vindecines, talleres de Scriptorium en Redondela  para dar a coñecer o laborioso traballo da escritura en pergamiños, o Vermú de Vindel , que eran encontros entre escritores, libreiros e público para debater sobre diferentes temas ao redor da literatura medieval ou sesións na illa de San Simón.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM