Tres persoas resultaron feridas en Vigo despois de colidir catro vehículos que circulaban pola VG-20, concretamente, ao pasar o Túnel de Valadares, dirección Porriño. O accidente ocorreu pasados uns minutos das 22:15 horas da noite pasada.
Foi a esa hora, cando persoal do 061-Urxencias Sanitarias informaba ao 112 Galicia dun accidente múltiple no lugar indicado.
Tras chegar ao punto, os sanitarios confirmaron o traslado de tres feridos, aínda que de carácter leve, ao Hospital Concheiro de Vigo.
Ata o lugar, ademais dos servizos sanitarios de urxencia desprazáronse os axentes de Tráfico e o persoal do servizo de mantemento da vía. Tamén, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia deron conta do suceso aos Bombeiros e aos efectivos de Protección Civil da cidade.
Catro feridos en Ferrol
Por outra banda, sobre as 20:15 horas da tarde pasada, os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia de catro persoas feridas ao saírse da vía o vehículo no que viaxaban. O accidente ocorreu na estrada de Covas, en Serantes, no termo municipal de Ferrol. Nada mais recibir á alerta dos sanitarios e indicar que podía haber persoas atrapadas no interior do turismo, o CIAE alertou aos Bombeiros de Ferrol que decontado se desprazaron ao punto. Do mesmo xeito, informou á Policía Local e aos membros de Protección Civil.
Finalmente, os Bombeiros nada mais chegar, indicaron que todos os feridos estaban accesibles, polo que non foi preciso o uso do material de excarceración.
Choque na A-55
En Mos, ao fío das 22:00 horas deste mércores, un particular informaba ao CIAE dun choque entre dous turismos na A-55, á altura de Petelos, na localidade pontevedresa de Mos. Dúas persoas foron trasladadas ao Hospital Fátima de Vigo.
Tras recibir a alerta, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do persoal sanitario, dos axentes de Tráfico, dos Bombeiros de Baixo Miño e dos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil.
Noticias de última hora en Vigo