Tres proxectos do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), lograron obter financiamento do prestixioso Instituto de Saúde Carlos III para a súa posta en marcha. Os tres presentáronse á convocatoria para Proxectos de Investigación da Acción Estratéxica en Saúde 2018. Os grupos NeumoVigoI+i; Neurociencia Traslacional; e I-Saúde son os beneficiarios destas axudas, e recibirán en conxunto 180.000 € que lles permitirán pór en práctica as súas propostas a comezos de 2019.
A Acción Estratéxica en Saúde está promovida polo Instituto de Saúde Carlos III (Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) e é a principal ferramenta de financiamento público de I+D+i no ámbito da investigación traslacional en biomedicina e fomento da súa actividade investigadora. O seu principal obxectivo é contribuír a fomentar a saúde e o benestar da cidadanía, así como desenvolver os aspectos preventivos, diagnósticos, curativos, rehabilitadores e paliativos da enfermidade, reforzando e incrementando a competitividade internacional da I+D+i do Sistema Nacional de Saúde.
Comprende un conxunto de actuacións destinadas a promover a mobilidade do persoal de investigación, o fortalecemento das estruturas da I+D+i en rede e o desenvolvemento de proxectos de investigación en Saúde. A esta última modalidade concorren anualmente uns 1.800 equipos de investigación de entidades e institucións sanitarias, organismos públicos de investigación e Universidades, dos cales ao redor dun 35% consegue financiamento, o que a converte nunha das actuacións máis competitivas no ámbito investigador.
A dimensión social da EPOC
O “Estudio SocioEpoc” (Grupo NeumoVigoI+i) está dirixido polo doutor Alberto Fernández Villar, xefe do Servizo de Pneumoloxía do CHUVI. Este proxecto estudará os factores sociosanitarios
relacionados co consumo de recursos sanitarios e o prognóstico de pacientes hospitalizados por unha agudización de EPOC (Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica).
É un estudo pioneiro en incluír a dimensión sociosanitaria, cunha adecuada valoración da problemática social destes pacientes e a súa contorna (situación económica, vivenda, recursos, apoio
familiar, sobrecarga do coidador, dependencia e outros).
A depresión no mundo laboral
O ensaio multicéntrico “Prevención da depresión no medio laboral mediante unha intervención personalizada baseada en algoritmos de risco, TICs e sistemas de axuda ás decisións: ensaio controlado aleatorio (Grupo I-Saúde)” ten como obxectivo principal deseñar, desenvolver e avaliar unha intervención personalizada para previr a depresión no ámbito laboral, baseada en tecnoloxías da información e comunicación (TICs), algoritmos de risco predictivos e sistemas de apoio ás decisións para os traballadores empregados.
Trátase dun ensaio que se realizará en poboación traballadora de empresas públicas ou privadas de 7 provincias de 6 comunidades autónomas españolas (Andalucía, Aragón, Castela-León, Cataluña, Baleares e Galicia). A investigadora principal en Galicia é Julia Bóveda Fontán, médica de familia do Centro de Saúde Pintor Colmeiro da EOXI de Vigo.
O deterioro cognitivo na depresión
O terceiro proxecto que obtivo financiamento é “Busca de biomarcadores e estudo do microARNoma do deterioro cognitivo asociado á depresión (Grupo Neurociencia Traslacional)”.
Trátase dun proxecto dirixido ao desenvolvemento de novos marcadores clínicos e biolóxicos que permitan detectar a deterioración cognitiva asociada ao trastorno depresivo maior. Consiste, basicamente, en identificar a demencia antes de que apareza, a través do estudo de pacientes depresivos con trastornos cognitivos maiores de 50 anos.
Está liderado por Roberto Carlos Agís Balboa investigador Ramón e Cajal e José Manuel Olivares, xefe de servizo de Psiquiatría do CHUVI, ambos do grupo de Neurociencia Traslacional.
Noticias de última hora en Vigo