Tres membros dunha mesma familia foron evacuados a causa dunha fuga de gas no seu domicilio

Publicado por o día 04/01/2018 na sección de Sucesos

Tres membros dunha mesma familia foron evacuados a causa dunha fuga de gas no seu domicilio

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a pasada noite a tres membros da mesma familia con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono.

Ocorreu ás 21:25 horas de onte nun domicilio situado na Rúa Río Támega, na cidade de Ourense.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, a fuga de gas puido producirse debido ao mal estado dun quentador de auga, que acabou por provocar unha intoxicación por monóxido de carbono a unha parella e á súa filla. De modo que a muller e a rapaza foron evacuadas ao hospital por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias, mentres que o home, en mellor estado de saúde, acudiu ao centro médico polos seus propios medios.

En canto á fuga de gas, puido confirmarse mediante as medicións practicadas polos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense, que, ademais de detectar a concentración do monóxido de carbono no domicilio, puideron observar o mal estado do quentador e subliñaron a necesidade de evitar o seu uso ata que sexa revisado por un técnico.

Foi un dos afectados quen se puxo en contacto co 112 Galicia para pedir asistencia médica para a muller, á que lle custaba respirar. Os outros afectados percibiron mareos e malestar xeral , o que fixo sospeitar aos profesionais de Urxencias Sanitarias dunha intoxicación por inhalación de gases. De feito, puideron comprobalo a través dos medidores instalados na ambulancia. Así, solicitaron a intervención dos bombeiros e das forzas da orde, que tamén acudiron alertados polo 112 Galicia.