Tres menores afectados por unha descarga eléctrica na Praia de Seselle, en Ares

Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Sucesos

Tres menores afectados por unha descarga eléctrica na Praia de Seselle, en Ares

Tres nenos da mesma familia foron trasladados ao centro hospitalario de referencia despois de sufrir unha electrocución mentres trataban de sacar do mar, xunto cos seus pais, o catamarán no que navegaban na Praia de Seselle, no concello coruñés de Ares. Ao executar a manobra, o mastro da  embarcación acabou tocando un cabo do tendido eléctrico causando unha descarga aos menores.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 21:00 horas da pasada noite a través da chamada de varios particulares. Segundo a información facilitada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, tres persoas necesitaban axuda despois de sufrir unha descarga eléctrica mentres empuxaban polo areal a embarcación na que estiveron navegando.

Decontado, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local e tamén dos membros de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de emerxencia confirmaron que os cativos foron evacuados en ambulancia e que a subministración eléctrica na zona tivo que ser cortada para evitar outros accidentes.