Tres motoristas resultaron feridos de consideración en dous accidentes rexistrados en Mos e Tui

Publicado por o día 03/08/2020 na sección de Galicia,Mos,Sucesos,Tui

Tres motoristas resultaron feridos de consideración en dous accidentes rexistrados en Mos e Tui

Un total de tres motoristas resultaron feridos como consecuencia de dous accidentes rexistrados durante esta madrugada e a tarde de onte en Mos e Tui.

En ambos os dous casos, os implicados sufriron lesións importantes polas que tiveron que ser evacuados aos centros hospitalarios de referencia.

Ás 5:30 horas de esta madrugada produciuse o primeiro sinistro, no que un motorista sufriu unha caída cando circulaba pola A-55 en sentido Porriño. Á altura do punto quilométrico 11, o motorista foise ao chan e queixábase dunha forte dor no costado, segundo explicou a persoa que chamou ao 112 Galicia para alertar do suceso. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron ao ferido ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con múltiples lesións.

No operativo tamén participaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros do Servizo Local de Emerxencias, que se encargaron de retirar os restos do accidente da vía.

Moito antes, pasadas as sete da tarde de onte, outros dous motoristas resultaron feridos de gravidade a causa doutro sinistro rexistrado na PO-340, en Pexegueiro, Tui. Neste caso, unha colisión entre unha moto e un coche causou lesións importantes aos ocupantes da moto, que tamén foron derivados ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Pola súa banda, as dúas persoas que viaxaban no turismo resultaron ilesas.

Igual que no accidente de Mos, un particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, o que permitiu a activación dun operativo no que participaron profesionais sanitarios, Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil de Tui.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.