Tres ouros, unha prata e dous bronces, balance dos equipos da Universidade nos CEU de atletismo e taekwondo

No tenis, bos resultados para os equipos femininos e malos para os masculinos
Publicado por o día 06/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Tres ouros, unha prata e dous bronces, balance dos equipos da Universidade nos CEU de atletismo e taekwondo

A participación da Universidade de Vigo nos CEU de taekwondo e atletismo celebrados a pasada fin de semana en Castellón de la Plana, saldouse coa consecución de dúas medallas de ouro e unha bronce para as e os taekwondistas e unha de ouro, outra de prata e outra de bronce para as e os atletas. Ademais, no caso das e dos representantes da Universidade de Vigo no CEU de taekwondo quedaron a un só punto da medalla de bronce por equipos.

Coa baixa de Iván García, ao que a Federación Española non autorizou participar no CEU ao confirmarse que competiría no mundial absoluto que este mes se celebra en Manchester, o equipo da Universidade de Vigo de taekwondo acadou dúas medallas de ouro: a de Alejandro Losada no Poomsae individual masculino e a compartida con Laura Valverde no Poomsae mixto e ás que se suma a de bronce de Miryam García en combate -62kg. Precisamente esta taekwondista perdeu no punto de ouro (desempate) e non puido acceder á final.

Pola súa banda, Yago Pita tamén perdeu no punto de ouro e con el o seu pase ás medallas. Alba Caamaño, aínda que realizou un bo combate, quedou eliminada no pase ás medallas, ao igual que Marcos Silva, que nunha desafortunada acción nos últimos 10 segundos, perdeu a posibilidade de levarse un metal. No seu conxunto, as e os representantes da Universidade de Vigo quedaron a un só punto do bronce por equipos.

Tres medallas, varias marcas e lesións, no CEU de atletismo

O equipo de atletismo da Universidade de Vigo, integrado por unha ducia de deportistas, sufriu as baixas de última horas do olímpico Jean Marie Okutu e de David Abalde. No campionato celebrado en Castellón, Raquel Meaños acadou con grande autoridade o ouro nos 800 metros lisos, na que foi a súa primeira participación nun universitario. Pola súa banda, Leticia Fernández, no seu regreso ás pistas tras 10 meses, conseguiu a medalla de prata en 1500 metros lisos, nunha gran carreira fronte a Solange Pereira, ex alumna da Universidade de Vigo e na actualidade da UCAM. O bronce foi para Sergio Paredes no lanzamento de martelo, nunha proba moi igualada.

Pola súa banda, Eva Queimaño e Lucía Ferrer clasificáronse para a final de 100 metros valados. Eva Queimaño repetía ademais proba en altura, coa súa mellor marca da temporada. Mentres, Ivo Maseda logrou o décimo posto nos 10.000 metros lisos e Carlos Porto e Vicente Suárez realizaban un bo papel nos 5000 metros lisos, coa mellor marca persoal de Carlos Porto. Lucía Ferrer, pola súa banda, en 100 metros lisos non puido clasificarse para a final da proba.

Resultados dispares no tenis

Esta fin de semana deixou un sabor agridoce para o equipo de tenis universitario. Mentres o feminino acadaba un importantísimo resultado ante o Mercantil de Pontevedra na fase de liga, o equipo masculino A caía na fase de descenso e o equipo B tamén perdía ante o CCD Sanxenxo na fase de ascenso.

A xornada comezaba coas boas novas do equipo feminino, que conseguiu imporse por 4-2 ao Mercantil. O equipo universitario, formado por Adriana López, Marta Saburido, Ana Fernández e Marta González nos individuais lograban un 3-1 a favor. A numero 1 impoñíase por 0-6, 6-1 e 6-0 e a número 2 tamén gañaba por 6-3 e 6-1. Pola contra, non puido gañar a número 3, que caia por 1-6, 6-4 e 7-5 e a número 4 gañaba o 3° punto por 6-0 e 6-0. Tras este resultado, comezaron os dobres xogando no n°1 Saburido e González que se impuñan por 6-3 e 6-1 e no n° 2 Laura Comesaña e Maria Casares que caian por 7-6 e 7-6. Tras este gran resultado o equipo feminino, a falta de disputarse o último encontro de liga, volve a meterse nas semifinais do Campionato Galego por equipos División de Honra despois de oito anos, fase que se disputará por concentración os próximos 15 e 16 de xuño.

A outra cara da fin de semana foi a do tenis masculino. O equipo A xogábase o descenso directo á División de Prata como visitante fronte a Punta Salera e caeron por 5-4. Nos individuais, formados por Pablo León, Alfonso Santos, Jorge Comesaña, Yago González, Jaime Zapatero e Pablo Romero, lograban a vitoria os encontros 1, 2 e 6, cun empate a 3 nos individuais, xogábanse a vitoria nos dobres, logrando gañar so dobres 1 e caendo no 2 e 4. Mentres, o equipo masculino B intentaba lograr o pase á seguinte ronda en Sanxenxo pero non puido ser. Despois dun ano de varias baixas importantes por lesións, o equipo B sufriu as consecuencias e non puido contar con dous dos seus mellores xogadores, que se atopaban disputando o encontro co equipo A. Finalmente caian por 4-0 nos individuais.

Así, con estes resultados, o equipo feminino, que aínda segue en plena competición, e o equipo masculino B manteñen a súas categorías: División de Honra e Primeira División, respectivamente, mentres o equipo masculino A baixa á División de Prata.

Comentar noticia

Your email address will not be published.