Tres persoas afectadas por inhalación de fume debido a un incendio rexistrado nunha vivenda en Ortigueira

Publicado por o día 19/01/2021 na sección de Sucesos

Tres persoas afectadas por inhalación de fume debido a un incendio rexistrado nunha vivenda en Ortigueira

A poucos minutos da unha do mediodía, o 112 Galicia recibiu varios avisos dunha vivenda ardendo no lugar de O Regueiro, no concello de Ortigueira. Foi un dos veciños quen alertou á Central de Emerxencias de Galicia para informar de que ardía a cociña da casa dun familiar e que no interior permanecía unha muller de avanzada idade encamada.

De inmediato, os xestores da central  112 Galicia informaron aos Bombeiros do Eume, aos membros do Ges de Ortigueira, á Garda Civil e á Policía Local do municipio. Foron estes últimos os que, nun primeiro momento, chegaron ao punto e confirmaron de que a persoa dependente xa estaba fóra do domicilio e non corría risco. De tódolos xeitos, solicitaron a intervención dos profesionais sanitarios para atender a unha persoa con síntomas de ansiedade.

Finalmente, o lume foi controlado e sufocado polos veciños coa axuda do persoal do Ges de Ortigueira. Así, descartouse a intervención dos Bombeiros.

Con todo, segundo precisaron os axentes, a muller foi trasladada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia e outras dúas persoas, que tamén resultaron afectadas, desprazáronse polos seus propios medios ata o centro de saúde da localidade. Ademais, indicaron que o lume afectou a un falso teito da vivenda debido a un fallo na instalación eléctrica.