Tres persoas en apuros foron rescatadas na enseada da Illa Pancha en Ribadeo

Publicado por o día 17/07/2020 na sección de Sucesos

Tres persoas en apuros foron rescatadas na enseada da Illa Pancha en Ribadeo

Rescatados tres tripulantes dunha embarcación de recreo varada na enseada da Illa Pancha, no concello lucense de Ribadeo.

O rescate produciuse grazas a outro barco particular que se atopaba próximo ao grupo en apuros no momento dos feitos. Debido a que os tripulantes da embarcación encaiada xa levaban un par de horas dentro da auga, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos servizos sanitarios de urxencia para que os puidesen atender ao chegar ao peirao de Ribadeo.

Todo sucedía ao fío das 18:30 horas desta tarde, cando un particular informaba ao 112 dunha embarcación varada no mar. De acordo co seu relato, había persoas dentro da auga que necesitaban axuda para volver ao areal en seguridade.

Con estes datos, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo, a Gardacostas de Galicia, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e tamén aos membros de Protección Civil de Ribadeo.

Finalmente, as tres persoas foron conducidas ao porto a bordo da embarcación particular e, unha vez en terra, puideron ser atendidos polo equipo médico de urxencias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.