Tres persoas feridas nunha colisión entre dous coches en Lugo

Publicado por o día 23/09/2018 na sección de Sucesos

Tres persoas feridas nunha colisión entre dous coches en Lugo

Unha colisión entre dous coches ocorrida en Lugo saldouse esta tarde con tres persoas feridas. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os Bombeiros de Lugo axudaron a saír ás vítimas do interior dos turismos accidentados e empregaron o material de excarceración para liberar a unha delas.

O accidente tivo lugar no punto quilométrico 84 da N-640, en sentido Meira, ao fío das 16:10 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do sinistro.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia requiriron a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Lugo, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

Caída de ciclista

Por outra banda, en Melide, un ciclista resultou ferido ao caer do vehículo no que circulaba na rúa de Roca Salgado, á altura do número 2.

Debido á gravidade do accidente, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago ata unha zona próxima ao lugar dos feitos.

Foi o 061-Urxencias Sanitarias quen alertou ás 13:20 horas ao 112 Galicia e, nada máis recibir o aviso, dende o 112 Galicia se puxo a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e dos Bombeiros de Arzúa.

Finalmente, o ciclista foi evacuado na aeronave ata un centro hospitalario.