Tres persoas foron excarceradas en senllos accidentes ocorridos en Carballo e Silleda

Publicado por o día 15/07/2020 na sección de Sucesos

Tres persoas foron excarceradas en senllos accidentes ocorridos en Carballo e Silleda

Dous accidentes ocorridos en Carballo e Silleda saldáronse con tres persoas feridas, ademais, foi necesario o uso do material de excarceración para liberar aos tres condutores do interior dos vehículos.

O primeiro dos accidentes ocorreu ao fío das 19:00 horas, na localidade coruñesa de Carballo. Tratouse dunha colisión frontal entre dous vehículos que circulaban pola AC-552, ao redor do punto quilométrico 27, en Bértoa e foi precisa a intervención do material de excarceración para liberar aos dous condutores, que quedaron atrapados no interior de ambos vehículos tras o impacto. Así o relataron os Bombeiros de Carballo ao 112 Galicia despois de excarcerar aos feridos.

Nada mais ter constancia do accidente, a través dunha persoa particular que informaba dunha colisión entre dous turismos con persoas feridas, o 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ata o lugar ao helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela e que tomou terra no mesmo lugar dos feitos. Así mesmo, foron avisados os Bombeiros de Carballo, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade. Do mesmo xeito, os xestores do 112 solicitaron a colaboración do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargaron das tarefas de limpeza da vía.

En Silleda, dez minutos antes das 05:00 horas desta madrugada, os servizos sanitarios informaban ao 112 Galicia dun coche accidentado con persoas atrapadas na N-525, fronte ao parque de Bombeiros.

Efectivamente, os Bombeiros do Deza confirmaron que procederan á excarceración do condutor do turismo. Ata o lugar tamén se desprazaron os axentes de Tráfico, tras ser informados dos feitos polo 112 Galicia.

O ferido, unha vez liberado, foi evacuado nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.