Tres persoas foron trasladadas con síntomas de intoxicación por inhalación de fume a causa dun incendio na súa vivenda en Pontevedra

Publicado por o día 27/05/2020 na sección de Galicia,Pontevedra,Sucesos

Un incendio orixinado na cociña dunha vivenda da Rúa Gagos de Mendoza, en Pontevedra, saldouse con tres persoas evacuadas ao Hospital Dominguez con síntomas de intoxicación por inhalación de fume. As lapas calcinaron a campá extractora e os mobles lindeiros.

O suceso produciuse ás 15:30 horas de hoxe. Nese momento, un veciño da zona chamou ao 112 Galicia para solicitar medios de extinción para un incendio nun piso dun edificio próximo.  Segundo o seu relato, víase como os moradores do inmoble pedían axuda desde a terraza da vivenda.

De inmediato, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Pontevedra.

Unha vez no lugar, os equipos de extinción informaron que tiveron que ventilar a estancia e que o incendio foi extinguido polos propios particulares. Por mor da intensa fumareda provocada pola combustión do material calcinado na cociña, tres persoas resultaron afectadas por inhalación de fume.

Cómpre sinalar que o operativo contou coa colaboración dos axentes da Policía Local e os membros de Protección Civil de Pontevedra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.