Tres persoas perderon a vida en senllos accidentes ocorridos en Ames e Ponte Caldelas

Publicado por o día 02/11/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas,Sucesos

Tres persoas perderon a vida en senllos accidentes ocorridos en Ames e Ponte Caldelas

Dúas persoas, pai e filla,  perderon a vida este mediodía nun accidente entre dous turismos no concello coruñés de Ames. Ademais, outra persoa resultou ferida de consideración.

Todo sucedeu ao fío das 14:00 horas, á altura do desvío cara Brión, na AC-544. Un particular alertou, a esa hora, ao 112 Galicia e advertía da posibilidade de persoas atrapadas no interior dos vehículos.

A partir de aí, os xestores do 112 informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Santa Comba e de Boiro,  ao GES de Brión, aos axentes de Tráfico e da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Tamén foron informados os Bombeiros de Santiago e o persoal do servizo de mantemento da estrada.

Foi necesaria a intervención dos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias e Catástrofes (GIPCE), para prestar apoio aos familiares das vítimas.

Un falecido en Ponte Caldelas

Unha hora despois, sobre as 15:00 horas, o 112 Galicia era informado doutro accidente mortal en Ponte Caldelas.

Ao igual que no caso anterior tratouse dun choque entre dous turismos que circulaban pola PO-255, a dous quilómetros aproximadamente de Caritel. Unha persoa faleceu e outra resultou ferida de consideración. Ambas tiveron que ser liberadas do interior dos vehículos polos Bombeiros.

Ademais dos Bombeiros de Pontevedra que se desprazaron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia acudiron tamén os Servizos Sanitarios, os Bombeiros do Morrazo e a Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, requiriuse a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou das tarefas de limpeza da vía.

Comentar noticia

Your email address will not be published.