Tres persoas resultaron feridas a causa dun accidente múltiple en Pontevedra

Publicado por o día 03/12/2018 na sección de Sucesos

Tres persoas resultaron feridas a causa dun accidente múltiple en Pontevedra

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a tres persoas que resultaron feridas a causa dun accidente múltiple na PO-542, en Pontevedra.

Ademais, unha furgoneta implicada no sinistro ardeu por completo, o que obrigou a intervir aos Bombeiros de Pontevedra para sufocar o incendio.

Foron varios os condutores que se puxeron en contacto co 112 Galicia ás 7:30 horas de hoxe para informar dun accidente con tres vehículos implicados, dos cales un estaba en chamas. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, pediuse a colaboración dos efectivos do parque de Pontevedra co fin de atallar as lapas que devoraron por completo o vehículo.

Pola súa banda, o equipo do 061-Urxencias Sanitarias trasladado ao lugar do accidente atenderon a tres persoas que presentaban lesións de diversa consideración.

Do mesmo xeito, foi necesaria a mobilización do persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para a retirada dos danos provocados polo impacto e para restablecer as condicións de seguridade na vía.

Liberado un condutor en Muros

Tamén en Muros tiveron que intervir onte os membros do GES da localidade co fin de liberar a unha persoa atrapada por un pé no interior dun coche. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o turismo saíuse da vía cando circulaba pola AC-550, á altura da Virxe do Camiño. Como consecuencia do impacto, o condutor quedou atrapado e necesitou da axuda dun equipo de excarceración para poder saír do coche e ser atendido polos servizos sanitarios de urxencia.

Neste operativo colaboraron igualmente os Bombeiros de Cee e os axentes da Garda Civil de Tráfico.