Tres relatorios sobre lírica, mecenado e onomástica medieval para pechar ‘Os xoves do Vindel’

A actividade finalizará o 22 de febreiro coa intervención de Xabier Ron
Por o 12/01/2018 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
Tres relatorios sobre lírica, mecenado e onomástica medieval para pechar ‘Os xoves do Vindel’

Tralo parón de Nadal, a programación cultural organizada pola Universidade co gallo da estadía do Pergamiño Vindel na cidade recupera o pulso cunha nova entrega de Os xoves do Vindel, o ciclo de conferencias no que expertas e expertos en diferentes ámbitos do coñecemento abordan distintas cuestións relacionadas co manuscrito medieval. Os últimos relatorios do ciclo irán da man de tres especialistas en literatura galega medieval: Pilar Lorenzo, docente na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Mariño, tamén profesor nese centro, e Xosé Xabier Ron, docente no IES de Ames. As conferencias continuarán a desenvolverse no centro de visitantes do Edificio Cambón, situado no casco vello de Vigo, o 25 de xaneiro, o 8 e o 22 de febreiro, respectivamente.

Chegado o ecuador do ciclo, Alexandre Rodríguez, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade e secretario do comité organizador da actividade, destaca “tanto a calidade das intervencións como o interese espertado nas persoas asistentes”. Así mesmo, o docente valora de xeito moi positivo a notable afluencia de público ás pasadas conferencias, e afirma que “quen asistiu non quedou defraudado, e tampouco se decepcionará quen asista aos relatorios que aínda faltan”.

Despois das conferencias que tiveron lugar os meses de outubro, novembro e decembro a cargo do profesor Anselmo López, do xornalista Ceferino de Blas e do musicólogo Paulo Gonçalves, este ciclo despedirase con outras tres intervencións sobre o contexto socioeconómico e literario no que se insire a obra de Martin Codax. Pilar Lorenzo, profesora de filoloxía da USC, falará o 25 de xaneiro das Cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea. A seguinte conferencia será o 8 de febreiro da man de Ramón Mariño, profesor da mesma facultade e membro do Instituto da Lingua Galega, cun relatorio titulado Literatura galega e mecenado na Idade Media. O ciclo concluirá o 22 de febreiro coa intervención de Xosé Xabier Ron, profesor do IES de Ames, que falará sobre Martin Codax: o nome. Onomástica na lírica trobadoresca.

Unha viaxe trobadoresca para difundir o pergamiño

Ademais do ciclo de conferencias, a Universidade desenvolveu nos últimos meses diferentes actividades para divulgar a presenza do pergamiño en Vigo e animar ao público xeral a visitalo. De todas elas, destaca a interpretación dun cantar de cego da man de Luis Correa O Caruncho e Chus Iglesias, que nos últimos meses percorreron un total de 22 vilas galegas levando consigo o espírito trobadoresco das cantigas e achegando a obra de Martin Codax a toda Galicia.

Nesta representación, os dous actores interpretaban tres pezas: o propio cantar de cego do repertorio de Correa; un romance sobre o pergamiño composto para a ocasión e a sétima cantiga do manuscrito musicada. Para o músico e regueifeiro, a valoración da experiencia foi positiva, pois considera que exerceron “de anunciantes da exposición, integrando á xente no mundo das feiras e no que facían os cegos trobadores”. Con esta iniciativa, pretendeuse que as persoas interesadas sigan acudindo ao Museo do Mar para contemplar o pergamiño, que durante dous meses máis permanecerá xunto ás mesmas augas que inspiraron ao seu autor hai 800 anos.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.