O Tribunal Constitucional admite a trámite o recurso de inconstitucionalidade presentado por En Marea contra a reforma do PP para o Consello de Contas que permite nomear a dedo aos letrados

O voceiro de En Marea, Luís Villares, denunciou a gravidade desta modificación que asegura o único que busca é “garantir a impunidade do Partido Popular nas súas prácticas corruptas”
Publicado por o día 27/06/2017 na sección de En Marea,Política

O Tribunal Constitucional admite a trámite o recurso de inconstitucionalidade presentado por En Marea contra a reforma do PP para o Consello de Contas que permite nomear a dedo aos letrados

O voceiro de En Marea, Luís Villares, denunciou a gravidade desta modificación que asegura o único que busca é “garantir a impunidade do Partido Popular nas súas prácticas corruptas”

Villares cualificou de “escandaloso” que en plena investigación xudicial por influencia nos ditames do Consello Consultivo, Afonso Rueda, amigo persoal de Costa Pillado, presidente do Consello, promovese unha reforma para que poida colocar a dedo aos funcionarios que fan os informes.

O Tribunal Constitucional ven de admitir a trámite o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de acompañamento dos orzamentos de 2017 da Xunta de Galicia, no relativo á modificación da Lei do Consello Consultivo de Galicia. O voceiro de En Marea, Luís Villares, explicou esta mañá que o seu grupo veuse na obriga de adoptar esta medida “ante unha operación do PP que ten como finalidade aniquilar unha institución que fiscaliza a legalidade de actuación da Xunta de Galicia e das administracións públicas galegas”. “Con esta reforma o Goberno Feijóo pretende acabar cos controis de legalidade, é dicir, busca garantir a impunidade do PP” remarcou o voceiro. O Consello Consultivo é, segundo Villares, “unha institución incómoda” para a Xunta porque sinala os vicios de legalidade e impide prácticas corruptas. Ante isto, a reacción do Partido Popular opta por cambiar a Lei para poder poñer e quitar letrados a dedo.

O detonante desta modificación foi a Operación Cóndor que revelou o emprego do Consello Consultivo, por medio do seu presidente, para favorecer intereses económicos de empresas. Unha manobra que ten nome e apelidos como son Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, e Antonio Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo que ademais está sendo investigado nesta operación xudicial. “Resultan escandalosas as manobras de Rueda e de Antonio Costa Pillado para acabar coa independencia da institución mediante a modificación da composición do seu órgano técnico” denuncio o voceiro de En Marea.

Ata agora, o Consello tiña un corpo de letrados que accedían por oposición e que eran quen realizaban as labores de asesoría técnica para que os conselleiros puidesen debater e tomar decisións, baseándose nunha información rigorosa, técnica e independente, que achegaban “uns profesionais non sometidos á conveniencia política do seu presidente”.

Desde a chegada de Costa Pillado a presidencia da institución, a súa obsesión por acabar coa independencia do Consello materializouse nunha persecución laboral ao funcionariado que foi xa denunciada e que levou a ter que recorrer perante o Tribunal Supremo as sentenzas en contra que o órgano está tendo nos tribunais. “Este menoscabo da independencia deu un salto cualitativo coa modificación da Lei que prevé a supresión do corpo de letrados, que ata agora formaba parte da institución por oposición, e a súa substitución por outros de libre designación. É dicir, nomear a dedo aos letrados que fiscalizan a actuación da Xunta de Galicia” subliñou Villares.

A reforma impulsada polo goberno de Núñez Feijóo .“non é casual” e faise no momento no que Costa Pillado está sendo investigado na Operación Cóndor por negociacións prohibidas a funcionarios. Así, sábese que Raúl López da empresa Monbús contactou con Costa Pillado para que este influíra no proceso de elaboración dunha lei de transporte por estrada, precisamente para que o informe do Consello Consultivo lle fose favorable. Segundo o sumario xudicial, Raúl López enviaba agasallos de luxo ao maxistrado agora investigado e pretendía evitar coas xestións de Costa Pillado un precepto que supostamente prexudicaría os seus intereses no negocio do transporte de viaxeiros por estrada que lidera en Galicia. “Este tipo de favores non son doados de facer se hai un corpo independente de letrados. Pero se os letrados son a dedo, a cousa cambia” afirmou o voceiro de En Marea.

En Marea considera “escandaloso” que en plena investigación xudicial por influencia nos ditames do Consello Consultivo, Afonso Rueda, amigo persoal de Costa Pillado, promovese unha reforma para que este puidese colocar a dedo aos funcionarios que fan os informes, igual que á secretaría do órgano. Esta práctica “fere de morte a independencia do órgano para o converter nun simple palmeiro da actuación do goberno da Xunta como revelan as investigacións xudiciais na Operación Cóndor”.

É por iso, que o grupo parlamentario desde o seu compromiso na loita contra a corrupción, tamén a legal dunha institución, e a súa defensa da transparencia na acción lexislativa e do Goberno e dos órganos independentes de control decidiu actuar e presentar o seu primeiro recurso contra a corrupción institucional do PP en Galicia.