Trinta “barbeiros solidarios” amosarán a súa arte este domingo en Tomiño

Dende as 11:00 ata as 18:00 horas estarán a disposición de todas as persoas que o desexen para peitear, cortar o pelo, afeitar, amañar a barba, etc. por tan só 6 euros por servizo
Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Galicia,Tomiño

Trinta “barbeiros solidarios” amosarán a súa arte este domingo en Tomiño

Por segundo ano consecutivo, os “Barbeiros Solidarios”, voltan á Praza do Seixo de Tomiño, onde o vindeiro domingo, celebrarán unha xornada de traballo en beneficio da asociación de persoas con discapacidade “Vontade”.

Unha trintena de profesionais da perruquería e barbería de toda España, achegaranse a vila para levar a cabo unha gran labor social; dende as 11:00 ata as 18:00 horas estarán a disposición de todas as persoas que o desexen para peitear, cortar o pelo, afeitar, amañar a barba, etc. por tan só 6 euros por servizo.

Este mediodía, presentaron a actividade en rolda de prensa a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o presidente de Vontade, Miguel Pazo e Anahíl González, do Espazo Vip [email protected], organizador do encontro.

Tanto a alcaldesa, coma o presidente de Vontade, agradeceron a labor da perruqueira Anahíl González, dos seus compañeiros de profesión, que chegarán de diferentes provincias españolas e galegas, costeándose eles mesmos os gastos de desprazamento e manutención.

A primeira edición, celebrada no mes de outubro do ano pasado, contou co apoio masivo da poboación de Tomiño e arredores, chegándose a atender a 325 persoas. Os organizadores esperan repetir o éxito acadado.

A xornada amenizarase con música en directo, coa Argonat Band e, para os máis cativos, haberá inchables e xogos tradicionais.

Este é un acto organizado por Espazo Vip [email protected] no que contan coa colaboración do Concello de Tomiño, Hotel Nova Colina, Medavita, Casaita, Mahou, Tomipan Flor y Nata, entre outros.