Trinta persoas participaron na Camiñada de Tui coa que APECSA celebrou 25 anos do Xacobeo 93

A ruta, de sete quilómetros, partiu de Valença e visitou parte do Camiño Portugués e do casco histórico da cidade galega da man da experta Victoria A. Fernández
📣 Publicado por el 12/10/2018 en la sección de Galicia - Tui

Trinta persoas participaron na Camiñada de Tui coa que APECSA celebrou 25 anos do Xacobeo 93

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, recibiu o grupo de peregrinos, coa presenza do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; Celestino Lores, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués; e o presidente e o vicepresidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago.

A fortaleza de Valença, o casco histórico de Tui e os arredores desta vila acolleron hoxe a segunda das Camiñadas organizadas pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), como conmemoración do 25 aniversario do Xacobeo 93, que puxo a Ruta Xacobea de novo no panorama internacional. Os participantes percorreron unha ruta de sete quilómetros coñecendo tramos históricos do Camiño Portugués, partindo da fortaleza portuguesa e entrando en Galicia pola Ponte Internacional.

Unhas trinta persoas participaron na iniciativa. A metade de percorrido, os camiñantes foron recibidos polo alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, no centro da vila. Tamén participaron na andaina Rafael Sánchez Bargiela, xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; Celestino Lores, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués; o presidente de APECSA, Xosé María García Palmeiro; e o vicepresidente desta agrupación de xornalistas e amantes da Ruta Xacobea, Luís Celeiro.

Victoria A. Fernández, da coorganizadora Asociación Iacobus Cofradía de Santiago de Tui e Baixo Miño, foi a encargada de explicar o significado cultural e artístico dos lugares visitados, entre eles o túnel das Encerradas, San Domingos e San Bartolomeu, a Catedral, a Ponte da Veiga e a Virxe do Camiño. Desde alí un bus levou aos camiñantes a Orbenlle para pasear e reivindicar o Camiño Natural. Finalizada a Camiñada, houbo un xantar‐conversa en Cerquido.

Esta foi a segunda de nove Camiñadas coas que APECSA celebra os 25 anos do decisivo Xacobeo 93 e da declaración das Rutas Xacobeas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A Xunta de Galicia apoia estes “Días de Andar”, que proseguirán visitando tramos dos Camiños de Santiago en Lugo (20/10), A Rúa (27/10), Sarria e Portomarín (3/11), Valga e Padrón (10/11), Fisterra (17/10), Chantada (24/11) e A Coruña (1/12).