Son de Trives denuncia a pasividade do Concello ante a problemática da auga non apta para consumo

O concelleiro de Son de Trives, Jorge Vázquez, recrimínalle a actitude de pasotismo e inmobilidade ao grupo de goberno municipal, incapaz de porlle solución á insalubridade da auga.
Publicado por o día 21/09/2017 na sección de Galicia,Ourense,Política

Cun bando asinado con data de 13 de setembro de 2017, o concello de Trives informaba á veciñanza de que polo incumprimento nun dos parámetros dos resultados analíticos realizados na auga da traída, a Xefatura Territorial cualificaba esta auga como NON apta para o consumo humano.

Desde esa, foron numerosas as queixas veciñais que chegaron a Son de Trives, cuxo concelleiro presentou un escrito, remitido ao alcalde da localidade, Francisco José Fernández Blanco, da Agrupación Trivesa Independente (ATI) no que facía constar que nese tempo, nin a veciñanza tivo máis noticias sobre o tema (causas da contaminación, solucións, prazos, alternativas a tomar) nin se ten constancia de ningunha actividade por parte do concello, polo que, dada a situación, desde Son de Trives solicitan unha copia do informe emitido pola empresa concesionaria do servizo de augas no que consten os resultados dos parámetros analizados así como a data de emisión, xa que, entre outros aspectos, pregúntanse cánto tempo levarían consumindo esa auga non apta.

Tamén solicitan, por outra banda un informe técnico das causas que provocaron a contaminación, así como a estimación dun prazo de resolución do problema, e o procedemento e trámites precisos para que a veciñanza poida presentar as reclamacións por danos e perxuizos que consideren.

Desde Son de Trives propoñen á alcaldía, como vía de solución provisional, que se aporte auga mediante cisternas aos depósitos que subministran a auga da traía, para así paliar as molestias ocasionadas á veciñanza.