O TSXG dálle a razón a CCOO e obriga a realizar contratos mínimos de 25 horas semanais no sector de axuda a domicilio

O sindicato anima a todo o persoal afectado a asesorarse nos locais de Comisións e solicitar con carácter retroactivo os salarios e cotizacións que lle correspondan
Publicado por o día 19/01/2018 na sección de CC.OO,Sindicatos

O TSXG dálle a razón a CCOO e obriga a realizar contratos mínimos de 25 horas semanais no sector de axuda a domicilio

A Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia informa dunha «importantísima» sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga a todas as empresas do sector de axuda a domicilio a realizaren contratos de, como mínimo, 25 horas semanais de luns a sábados, ou de 24 nos casos de contratacións para fins de semana e festivos. Segundo as estimacións do sindicato, esta obriga afecta a preto do 98 % das traballadoras e traballadores das concesionarias de contratos públicos.

A resolución xudicial chega no marco dunha campaña de CCOO para mellorar as condicións de traballo nun sector «enormemente precarizado». Nos últimos anos, o sindicato vén defendendo «en solitario» un salario regularizable co IPC e xornadas mínimas no sector. Hai dous meses logrou que as retribucións se incrementen anualmente tomando como base o IPC do ano anterior; agora, unha sentenza «pioneira» pronúnciase sobre a duración mínima dos contratos.

A Federación de Construción e Servizos de CCOO calcula que os efectos da sentenza afectan a case o 98 % dos traballadores e traballadoras que realizan o seu labor ao abeiro de contratos públicos da Xunta, deputacións ou concellos, que deberán obrigar as concesionarias a adecuaren as contratacións, cotizacións e salarios ao disposto na resolución xudicial. Segundo o vixente convenio colectivo, só se poden formalizar contratos de inferior duración ─mais superiores ás oito horas─ no caso de que se atendan unicamente servizos nocturnos, rurais ou privados.

Segundo CCOO, na sentenza de referencia condénase a empresa Clece, concesionaria do servizo no municipio de Pontevedra, que deberá regularizar a situación de 47 das 81 traballadoras contratadas. Meses atrás, o sindicato, que conta coa totalidade de representación no comité (cinco membros), solicitáralle ao Concello a rescisión do contrato a Clece á vista dos incumprimentos laborais. A petición foi atendida e apartouse a concesionaria do servizo.

Con esta sentenza na man, CCOO «intensificará» a súa campaña para «dignificar» as condicións laborais no sector e obrigar as empresas a cumprir o marcado no convenio. O sindicato anima as traballadoras e traballadores do ámbito a que acudan aos locais de Comisións para recibiren asesoramento sobre a forma de reclamar con carácter retroactivo os salarios e cotizacións á Seguridade Social que lles correspondan.

O secretario xeral de Construción e Servizos de CCOO, Sergio López, critica que «ata onde nós temos coñecemento, ningunha empresa cumpre totalmente o convenio». O sindicalista advirte as empresas incumpridoras das consecuencias desta actitude e lembra que, após as denuncias de Comisións, a Inspección de Traballo abriu expedientes sancionadores ás adxudicatarias do servizo en concellos como Ferrol, Narón, Pontedeume, Betanzos, Cambre, A Coruña, Sada, Arteixo, A Laracha, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo.