Turismo de Galicia solicita ao concello de Vigo licencia para a demolición interior do edificio que acollerá o albergue de peregrinos

O Consorcio Casco Vello de Vigo formalizaba o pasado mes de agosto a cesión deste edificio que se converterá no primeiro albergue construído pola Xunta de Galicia no Camiño Portugués da Costa tras oficializarse como ruta xacobea
Por o 08/09/2018 | Sección: Galicia,Turismo,Vigo,Xunta de Galicia
Turismo de Galicia solicita ao concello de Vigo licencia para a demolición interior do edificio que acollerá o albergue de peregrinos
Compartir en:

Turismo de Galicia vén de solicitar ao Concello de Vigo a licencia municipal para a demolición interior do edificio que acollerá o albergue de peregrinos, o primeiro construído pola Xunta no Camiño Portugués tras oficializarse como ruta xacobea.

O pasado mes de agosto o presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, formalizaban, mediante a firma dun convenio, a cesión do dereito de superficie do inmoble sito en Ribeira do Berbés 5 e Peñasco 9 para a súa reforma e posterior conversión en albergue de peregrinos. Agora, coa presentación do proxecto de derruba interior, o departamento autonómico dá un paso máis de cara ao seu estudo e posterior emisión da licencia de obras.

Vai materializándose así o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que anunciou para Vigo, de cara ao Xacobeo do 2021, a construción dun albergue de peregrinos na cidade.

Cómpre lembrar que o Camiño Portugués é a ruta que rexistra o maior incremento dos últimos anos e que a rehabilitación que ten programada Turismo de Galicia conta con tempo suficiente para que o albergue estea construído antes do vindeiro Ano Santo. Segundo as estimacións iniciais, podería contar cunha capacidade de 90 prazas e unha inversión de preto dun millón de euros.

Características do inmoble

En canto ás características do inmoble obxecto da cesión, conta cunha superficie de parcela de 258 metros cadrados. En realidade, trátase de dúas edificacións, con senllos frontes, conectadas pola planta baixa e o primeiro andar, polo que no proxecto do albergue trataranse en conxunto.

Segundo o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI do Casco Vello) a rehabilitación de ambos edificios contempla o aumento nunha planta que o proxecto do futuro albergue recolle no edificio de Ribeira do Berbés 5, non así na edificación traseira de Peñasco 9, que se mantén en altura na procura de manter a máxima coherencia coas edificacións da contorna. Aparece recollido no plan de actuación do CCVV, aínda que xa se excluía a súa rehabilitación e os ingresos obtidos pola venda das vivendas.

Os edificios obxecto do proxecto de rehabilitación e ampliación contan con protección ambiental e, en consecuencia, deben manterse as fachadas orixinais. A ampliación da segunda planta realizarase mediante muros de pedra, mantendo a coherencia estética do edificio.

Ano do Camiño Portugués da Costa

O novo albergue de Vigo forma parte dos compromisos da Xunta a través do Plan director do Camiño de Santiago, que en 2018 concentra os seus investimentos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa. Amais desta infraestrutura, lévase a cabo a sinalización, mellora e acondicionamento de ambos itinerarios, o que contribuirá á súa preservación e impulso e mellorará a experiencia dos peregrinos.

Para estas accións cóntase cun orzamento de 1,7 millóns no caso do Camiño Portugués e superior aos 700.000 euros no do Camiño Portugués da Costa, ás que se suman diferentes iniciativas con actividades divulgativas e culturais como a exposición itinerante De mar a mar, así como o programa de artes escénicas Vive o Camiño que servirán para revitalizar, promover e poñer en valor esta ruta xacobea que foi recoñecida oficialmente en 2016 grazas á Lei do patrimonio cultural de Galicia impulsada polo Goberno autonómico.