Turismo de Galicia inicia a promoción internacional da oferta turística galega para 2018 na feira Vakantiebeurs de Holanda

A Xunta presentará desde o vindeiro martes o destino Galicia neste certame aberto tanto a profesionais como ao público final
Por o 08/01/2018 | Sección: Turismo
Turismo de Galicia inicia a promoción internacional da oferta turística galega para 2018 na feira Vakantiebeurs de Holanda

Turismo de Galicia iniciará o vindeiro martes na cidade de Utrecht (Holanda) o programa de promoción internacional da oferta turística galega para o ano 2018 coa súa participación na feira Vakantiebeurs, o principal mercado turístico holandés.

Trátase dun certame de carácter xeralista aberto tanto ao público final como aos profesionais do sector, no que o departamento de Turismo da Xunta presentará os produtos turísticos galegos, sobre todo os relacionados coa natureza.

Nesta feira, os visitantes mostran un interese especial pola oferta relativa ao sendeirismo, o cicloturismo, a bicicleta de montaña e o Camiño de Santiago, así como polos espazos naturais e o turismo cultural.

Oferta galega

Neste sentido, Turismo de Galicia presentará en Vakantiebeurs as distintas posibilidades para realizar o Camiño de Santiago na Comunidade galega, a rede de centros BTT, as rutas de sendeirismo e os espazos naturais, entre outros recursos turísticos galegos, así como as posibilidades que ofrece a Comunidade galega para o avistamento de aves.

Polo que respecta á demanda turística holandesa, esta medrou un 13,1% nos 11 primeiros meses do ano 2017 en relación ao mesmo período do ano anterior. Así, os turistas holandeses, con máis de 52.000 pernoitas, supuxeron un 2,5% do turismo internacional entre xaneiro e novembro do ano pasado.

Canto ao Camiño de Santiago, máis de 3.500 holandeses realizaron a ruta xacobea e recibiron a Compostela en 2017.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.