Turismo de Galicia leva a oferta turística galega ao mercado dos países nórdicos a través da feira Matka de Helsinki

Ata novembro do ano pasado rexistráronse máis de 5.800 viaxeiros aloxados e máis de 9.000 pernoitas do mercado finés
Por o 14/01/2018 | Sección: Turismo
Turismo de Galicia leva a oferta turística galega ao mercado dos países nórdicos a través da feira Matka de Helsinki

O destino Galicia presentarase este ano na feira Matka Nordic Travel Fair, en Helsinki (Finlandia), un dos certames máis importantes do mercado emisor dos países nórdicos, para promover neste territorio a oferta turística galega de xeito xeral.

A partir do vindeiro xoves, Turismo de Galicia estará presente nesta reunión comercial na que fará fincapé na promoción do Camiño de Santiago e os produtos relacionados coa natureza e a cultura. Ademais, o departamento de Turismo da Xunta promoverá a enogastronomía de Galicia como un dos segmentos máis destacados para o público do norte de Europa.

Por outra parte, Turismo de Galicia manterá nesta feira varias xuntanzas con operadores turísticos finlandeses, interesados en distintos produtos e servizos turísticos galegos, relacionados sobre todo coa natureza e a cultura.

Demanda turística

Polo que respecta á demanda turística do mercado finés nos once primeiros meses do ano 2017, rexistráronse 5.800 viaxeiros e case 9.200 pernoitas. No que se refire ao número de peregrinos, o ano pasado contabilizáronse 770 peregrinacións doutros tantos cidadáns finlandeses que recibiron a Compostela.