Turismo de Galicia participou en 41 feiras sectoriais ao longo do ano 2017, das que 25 foron no estranxeiro

O departamento autonómico de Turismo promoveu tamén de xeito específico os principais recursos turísticos da Comunidade galega
Por o 16/12/2017 | Sección: Turismo
Turismo de Galicia participou en 41 feiras sectoriais ao longo do ano 2017, das que 25 foron no estranxeiro

O destino Galicia foi promovido este ano en 41 feiras sectoriais e encontros profesionais, de acordo coa actividade de Turismo de Galicia que levou a oferta, os servizos e os produtos turísticos galegos a 25 certames internacionais e 16 nacionais, o que permitiu unha promoción global nos distintos mercados mundiais.

Ao longo dos últimos 12 meses, Turismo de Galicia participou nos principais certames turísticos do mundo, entre os que salientan a Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, en xaneiro; a Internationale Turismus Börse (ITB), de Berlín, en marzo; ou a World Travel Market (WTM), de Londres, en novembro.

Para a promoción xenérica no eido internacional, o departamento de Turismo da Xunta participou nas seguintes feiras, ademais da ITB e a WTM: Vakantiebeurs, de Utrecht-Holanda; Matka, de Helsinki-Finlandia; Ferien Messe, de Viena e Holyday World, de Dublín-Irlanda, todas elas no mes de xaneiro; Salon des vacances, de Bruxelas-Bélxica; Free, de Munich-Alemaña e Ferie for Alle, en Herning-Dinamarca, todas en febreiro.

Tamén estivo na MITT, de Moscú-Rusia; en WTM América Latina de São Paulo-Brasil e no Salon Mondial du Tourisme de París-Francia, todas elas no mes de marzo; no Mundo Abreu, de Lisboa-Portugal, estivo presente en abril; en Jata, de Tokio-Xapón, en setembro; en International Tourism & Travel Show de Montreal-Canadá, en outubro e en CITM, en Kunming-China, e Festuris de Gramado-Brasil, en novembro.

Ademais, no ámbito nacional, o turismo galego estivo representado en todos os certames turísticos organizados nos principais mercados emisores para Galicia. Deste xeito, ademais de FITUR, Turismo de Galicia participou nas feiras de carácter xeneralista Navartur, en Pamplona, e Xantar, en Ourense, ambas en febreiro; Sevatur, en San Sebastián, no mes de marzo; Turexpo, en Silleda, tamén en marzo; B Travel de Barcelona, en abril; Feira de artesanía de Agolada; Resurrection Fest, en Viveiro, e Vigo Sea Fest, en xullo; e o Salón de Turismo INTUR, en Valladolid, no mes novembro.

Produtos senlleiros

Este ano, para a promoción específica dos produtos turísticos galegos máis senlleiros, Turismo de Galicia participou en nove certames especializados ao obxecto de difundir e apoiar a súa comercialización. Deste xeito, en relación ao Camiño de Santiago e ao fenómeno xacobeo, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia, ademais de promover a ruta en todos os certames turísticos, participou nas feiras específicas Koiné, en Vicenza-Italia, en marzo; e Expocatólica, en Sao Paulo, e Sacroexpo, en Kielce-Polonia, ambas celebradas no mes de xuño.

No eido dos produtos turísticos, o turismo de saúde púidose promover no certame Termatalia, celebrado en Ourense o pasado mes de setembro. Polo que respecta ao turismo náutico da Comunidade galega, Turismo de Galicia instalou recintos de promoción no Southampton Boat Show, en Gran Bretaña, e no Grand Pavois, de La Rochelle, Francia, no mes de setembro. Turismo de Galicia tamén participou este ano no Salón Náutico de París, celebrado os primeiros días de decembro. En canto ao golf, este produto promoveuse de xeito específico no certame Unigolf, celebrado en abril na capital de España.

Ademais, a ornitoloxía, un dos produtos turísticos emerxentes na Comunidade galega, contou tamén cunha promoción específica na feira FIO, celebrada en Monfragüe, Extremadura, no mes de febreiro, a Birdfaire de Londres, en agosto; e no Delta Birding Festival, celebrado en setembro en Tarragona. No que se refire ao cicloturismo, o sendeirismo e á bicicleta de montaña, Turismo de Galicia participou no certame Unibike, que tivo lugar en Madrid o pasado mes de setembro. Por último, para promover a gastronomía, Galicia estivo presente no certame Xantar, celebrado na cidade de Ourense en febreiro.

Turismo de reunións

Ademais destes certames turísticos, Turismo de Galicia participou en 11 feiras e encontros profesionais relacionados coa promoción do turismo de reunións. Así, ao longo de 2017, promoveu esta modalidade turística nestes dous últimos meses do ano nas feiras EIBTM, de Barcelona, e ILTM, que tivo lugar na cidade francesa de Cannes.

Turismo de Galicia tamén participou na feira ConfecBlue e no workshop Meeting & Summit Incentive, destinado á comercialización do turismo de negocios entre os operadores internacionais e no workshop ConfecRed, que convocou aos axentes británicos máis importantes deste sector. Turismo de Galicia estivo tamén nas feiras IMEX, de Francfort, no mes de maio, e TTG Incontri, celebrada en outubro na cidade italiana de Rímini.

Ademais, a Xunta de Galicia participou na feira IMEX de Fráncfort para difundir entre os operadores turísticos europeos os valores do turismo de negocios galego. O departamento de Turismo da Xunta asistiu en Madrid aos encontros profesionais The Meetings Space Spring, de Dinamarca, en febreiro; The Meeting Incentive Summit, de Madrid, en marzo; Xornada de Turismo MICE, en Francia, durante o mes de maio; Dolce Vita VIP & MICE, de Rusia, tamén en maio; Confecblue de Marbella, en xuño; Salon Meedex, de Francia, en setembro; e The Meetings Space Autum, de Madrid, en setembro.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.