O turismo de Galicia preséntase en Canadá a través da feira International Tourism & Travel Show

Este é un dos mercados turísticos internacionais con máis potencialidade de crecemento para a Comunidade galega
Por o 22/10/2017 | Sección: Turismo
O turismo de Galicia preséntase en Canadá a través da feira International Tourism & Travel Show

A cidade de Montreal, en Canadá, acolle estes días a feira International Tourism & Travel Show, na que Turismo de Galicia presenta a oferta turística da Comunidade galega. Esta é a vixésimo novena edición deste certame profesional aberto tamén ao público xeral e que está considerado como un dos máis importantes do norte de América.

Turismo de Galicia vén participando desde hai varios anos cun recinto expositivo na contorna de Turespaña, coordinado pola Oficina de Turismo de España en Toronto.

Na actualidade, este mercado turístico é un dos máis interesantes para Galicia porque o territorio español é un dos máis demandados polos canadianos. Dese xeito, o Camiño de Santiago é un dos recursos turísticos máis demandados polos cidadáns de Canadá que visitan España, así como os produtos turísticos relacionados coa natureza e a cultura.

Aloxamentos singulares

Así, cada vez son máis os operadores que organizan e comercializan rutas polos diferentes itinerarios xacobeos e ofrecen ademais aos seus clientes aloxamentos singulares ou turismo rural en Galicia. Neste sentido, en Quebec, existe o centro D`ici a Compostelle (De aquí a Compostela), instalación comercial dedicada ao Camiño de Santiago que goza de gran popularidade nesta rexión.

Este interese que mostran os canadianos polo Camiño de Santiago está sendo aproveitado nesta feira para a captación de operadores, iniciativas privadas e público final cara á oferta turística galega.