“A UE ten que abandonar o seu enfoque inxerencionista e respectar os criterios de xustiza social e sostenibilidade”

Como integrante da asamblea ACP-UE, Senra interviu no debate mantido esta tarde no PE ao respecto da actual situación en Kenia
Publicado por o día 17/01/2018 na sección de AGE,Política

“A UE ten que abandonar o seu enfoque inxerencionista e respectar os criterios de xustiza social e sostenibilidade”

Lídia Senra, integrante da Asamblea Paritaria África-Caribe-Pacífico (ACP) e a Unión Europea interveu na tarde de hoxe no hemiciclo do Parlamento Europeo no marco do debate ao respecto da actual situación en Kenia para esixir á Alta Representante, Federica Mogherini, que a UE “abandone dunha vez por todas o enfoque inxerencista e eurocéntrico” e respecte que os recursos adicados ao desenvolvemento sexan destinados a actuacións neste sentido, “seguindo estritamente criterios de sostenibilidade e xustiza social, e nunca empregados baixo plantexamentos militares, como vergoñentamente está a suceder co Fondo Europeo de Desenvolvemento”.

As actuacións da Comisión Europea terían que ir “orientadas ao empoderamento das clases populares dos países empobrecidos”, instou Senra, o que na práctica debería materializarse en  favorecer o seu acceso a medios de produción, recursos naturais e garantir o seu dereito á Soberanía Alimentaria: “a UE debe traballar para por fin ao acaparamento de terras e favorecer un reparto xusto; actualmente o 98,4% do campesiñado só dispón do 11,7% da terra. Cómpre tamén garantir o acceso á auga, ás sementes e a servizos públicos como o saneamento, a sanidade ou o ensino”.

Aliás,  a eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) tamén considerou que sería importante o desenvolvemento dunha investigación independente auspiciada polas Nacións Unidas  “para determinar a responsabilidade de corporacións multinacionais e algúns gobernos no acaparamento das riquezas do país e no agravamento das tensións económicas e sociais”.

Por último, Lídia Senra demandou á Unión Europea “un compromiso firme de cara a garantizar seguridade e condicións de vida dignas para as persoas refuxiadas somalíes no Campamento Dabaab”, que están fuxindo da violencia e da pobreza dende que a intervención militar de Estados Unidos no ano 1993 destrozou Somalia. “A UE debería prestar o apoio loxístico e económico necesario e para que Kenia non force o seu retorno das refuxiadas e refuxiados somalís”.