UGT-Galicia denuncia que se está fiando toda a recuperación do emprego á estacionalidade

Os datos do paro, correspondentes ao mes de maio e publicados hoxe polos Servizos Públicos de Emprego, amosan que en Galicia o paro baixa en 4.991 persoas, en relación a abril, o que supón un 2,44 por cento. Situando así a cifra total de desempregados en Galicia en 199.638 persoas.
Publicado por o día 07/06/2017 na sección de Sindicatos,UGT,Vigo

UGT-Galicia denuncia que se está fiando toda a recuperación do emprego á estacionalidade

Os datos do paro, correspondentes ao mes de maio e publicados hoxe polos Servizos Públicos de Emprego, amosan que en Galicia o paro baixa en 4.991 persoas, en relación a abril, o que supón un 2,44 por cento. Situando así a cifra total de desempregados en Galicia en 199.638 persoas.

Non obstante, como se vai demostrar posteriormente analizando polo miúdo as estatísticas, esta baixa só esconde precariedade e estacionalidade. Os gobernos, tanto o central como o da Xunta están fiando toda a recuperación do emprego á estacionalidade e á creación de postos de traballo precarios con contratos de moi curta duración e en moitas ocasións parciais de xeito involuntario.

É certo que baixa o paro pero tamén o é que se está ás portas do inicio da temporada de verán que marca contratacións en actividades como a hostalería e turismo, así como, a proximidade das rebaixas que tamén tiran da contratación.

Continuando cos datos, obsérvase que, en relación a hai un ano, o descenso do paro foi dun 9,45 por cento, é dicir, 20.826 persoas en situación de desemprego menos que no mes de maio de 2016.

No Estado a caída no mes foi máis acusada, dun 3,13 por cento, interanualmente foi dun 11.06 por cento. Así, en maio houbo 3.461.128 desempregados no Estado.

TENDENCIA AO AUMENTO DO PESO DO DESEMPREGO FEMININO

Por sexos, o paro baixa un 3,1 por cento entre os homes e un 1,9 por cento entre as mulleres. Isto amosa a maior debilidade da recuperación do emprego feminino e que a brecha mulleres-homes na contorna laboral continúa. De feito, existe unha tendencia clara de aumento do peso do desemprego feminino no total, xa representa o 55,9 por cento.

O desemprego entre os menores de 25 anos cae tan só un 1 por cento, 99 parados menos nun mes. Continúan rexistrados 9.922 mozos no desemprego en Galicia.

O 62 POR CENTO DA CAÍDA DO DESEMPREGO DÁSE NO SECTOR SERVIZOS

Por sectores de actividade, o paro cae en todos, salvo no colectivo de sen emprego anterior no que practicamente se mantén. Cae nun 5,19 por cento na construción, en termos relativos, pero é que en termos absolutos no sector servizos baixa en 3.126 persoas. De feito, o 62 por cento da caída do desemprego dáse neste sector.

A afiliación á Seguridade Social é de 971.305 cotizantes, 6.836 máis que en abril de 2017, aínda así un incremento menos acusado que no resto do Estado, onde medra un 1,23 por cento.

En canto á contratación, hai que destacar un número de total de 87.595 contratos asinados en maio, un 18,3 por cento máis que en abril. Unha cifra moi elevada para o mercado laboral galego que de consolidarse remataría co paro en poucos meses pero, evidentemente, non está sendo así porque ao mercado laboral desta Comunidade cústalle moito consolidar o emprego que crea.

Do total dos contratos asinados en maio, o 92,4 por cento foron temporais, o que da unha mostra clara da precariedade que impera no mercado laboral. No mes medran os contratos indefinidos nun 8,62 por cento pero é que os temporais o fan nun 19,1 por cento.

A TAXA DE COBERTURA POR DESEMPREGO É DE TAN SÓ O 50,8 POR CENTO

Precariedade que se estende tamén aos desempregados. O número de beneficiarios de prestacións en abril de 2017 (último dato dispoñible) é de 95.212 persoas. Amósase unha nova caída anual, 10.409 beneficiarios menos que en abril de 2016. A taxa de cobertura, baixo mínimos, e dun 50,8 por cento, deixando fóra do sistema de protección a case 110.000 (109.,417) persoas desempregadas. Ademais, a precariedade agudízase máis se se ten en conta que tan só 39.398 persoas son beneficiarias de prestacións de carácter contributivo.

UGT-Galicia considera que as administracións, a central e o Goberno da Xunta, están a dirixir o mercado de traballo e a economía cara un sistema baseado en baixos custos laborais, con escasa incorporación de investimento en tecnoloxías e formación e no que prima o traballo precario, temporal e a tempo parcial, esixindo unha menor cualificación das persoas. Xunto a elo, un elevado volume de desemprego estrutural, de longa duración, sen dereito a prestacións e que limita a volta de moitas persoas ao mercado laboral.

URXE DARLLE UN XIRO ÁS POLÍTICAS DE EMPREGO E SOCIAIS PARA LOGRAR UNHA VERDADEIRA RECUPERACIÓN ECONÓMICA PARA TODAS AS PERSOAS

Un modelo que, sen as políticas económicas e de emprego axeitadas, conduce cara un deterioro da calidade do emprego e da calidade de vida da poboación. Neste contexto, urxe un plan de choque polo emprego de calidade e con dereitos. Hai que darlle un xiro ás políticas de emprego e sociais. É necesario lograr unha verdadeira recuperación económica e do emprego para todas as persoas cunha mellora das rendas salariais. Máis emprego de calidade, combatendo o paro de longa duración e a precariedade laboral, deben ser obxectivos prioritarios das políticas económicas.