UGT presenta en Santiago a campaña en defensa do presente e futuro das pensións

UGT ven de por en marcha en todo o Estado a campaña “Por un sistema de pensións, público e sostible. Defender as pensións é cousa de todos” que hoxe foi presentada en Santiago en rolda de prensa polo secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas, Valentín Tato, e polo responsable de Política Sindical, Emprego e Seguridade Social de UGT-Galicia, Luís Baneira
Publicado por o día 23/05/2017 na sección de Sindicatos,UGT,Vigo

UGT presenta en Santiago a campaña en defensa do presente e futuro das pensións

UGT ven de por en marcha en todo o Estado a campaña “Por un sistema de pensións, público e sostible. Defender as pensións é cousa de todos” que hoxe foi presentada en Santiago en rolda de prensa polo secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas, Valentín Tato, e polo responsable de Política Sindical, Emprego e Seguridade Social de UGT-Galicia, Luís Baneira.

Tato explicou que no marco desta campaña, que se vai desenvolver en todo o Estado, están programadas tres grandes marchas cara Madrid protagonizadas por xubilados e pensionistas que partirán de tres puntos o día 10, Córdoba, Zaragoza e Oviedo, e ás que se lles irán sumando compañeiros do Sindicato. Concretamente, Galicia unirase á de Asturias en Benavente o día 15. O obxectivo é confluír en Madrid o día 22 cunha gran concentración-acampada na Porta do Sol.

O fin desta campaña é que se fagan visibles os problemas dos pensionistas e a súa situación que cada día é máis precaria, consecuencia das políticas de austeridade e recortes impostas polo Goberno do PP.

Neste senso, dende o Sindicato denúnciase que Galicia é unha das Comunidades que soporta unha realidade máis complexa cun terzo dos seus pensionistas que non superan os 500 euros ao mes e a metade que perciben tan só a pensión mínima.

Dende UGT faise fincapé na defensa do sistema público de pensións que a dereita minou nestes últimos anos co interese de abrir máis o negocio aos fondos privados. Hai que lembrar que o sistema de Seguridade Social é un dos principais elementos

de distribución da riqueza. Nos peores momentos da crise foron moitas as familias que conseguiron subsistir e non cruzar o limiar da pobreza grazas aos máis maiores da casa, grazas ao ingreso das súas pensións.

Pola súa banda, Luís Baneira criticou duramente a nefasta xestión que do sistema público de pensións fixo o Goberno do PP. Unha xestión que pon en perigo a Seguridade Social. Os ingresos á Seguridade Social afundíronse non só como consecuencia da crise, senón tamén das políticas laborais aplicadas (reforma do 2012) que acentuaron a perda de emprego e provocaron unha das maiores devaluacións salariais da UE.

A isto hai que sumarlle a caída da cobertura das prestacións por desemprego e que se lle teña outorgado reducións das cotizacións sociais ás empresas con cargo aos ingresos da Seguridade Social.

Todo isto con pleno coñecemento de que esas políticas provocaban o afundimento dos ingresos da Seguridade Social. O PP decidiu mantelas e compensar a intensa caída de ingresos con disposicións masivas do Fondo de Reserva ata esgotalo neste exercicio xa por completo.

Chegado este punto, co Fondo xa esgotado, ao Goberno non se lle ocorre outra cousa que, en lugar de facerse cargo como debería do déficit da Seguridade Social, propoñer que se lle outorgue un crédito que terá que devolver. Trátase da forma máis absurda de financiar as pensións.

A cuestión é aínda máis disparatada se se ten en conta que neste momento a Seguridade Social está sufragando 16.000 millóns de euros que non lle corresponden. Uns 1.800 de reducións de cotización ás empresas por estímulos ao emprego. 3.900 de gastos da administración e funcionamento que se financian indebidamente con cotizacións sociais e 10.500 correspondentes ao déficit de rexímenes e sistemas especiais que deberían ser financiados con cargo aos Presupostos Xerais do Estado.

Neste contexto UGT reclama que a Seguridade Social cobre tamén entre 5.000 e 7.000 millóns de euros que deberían aumentar os ingresos por cotizacións correspondentes aos salarios máis altos que están exentos de cotización por enriba da base máxima. Con todo isto, desaparecía o déficit da Seguridade Social.

Tamén urxe, para rematar con este empobrecemento progresivo dos pensionistas, derrogar as reformas impostas polo Goberno do PP no 2013 a través de dous mecanismos, a non revalorización das pensións, máis que un 0,25 por cento, e o factor de sostibilidade que obrigará aos pensionistas a pagar con reducións por vivir máis anos.

Galicia non é allea a este grave problema, todo o contrario, de feito esta Comunidade é a segunda que percibe as pensións máis baixas, cunha contía media de 774 euros. A provincia de Ourense é a que ten a pensión máis baixa de todo o Estado, de 667 euros ao mes de media.

Pero é que, paralelamente a todo isto, tamén debe corrixirse a situación laboral do país porque a súa precariedade en nada mellorará a situación do sistema da Seguridade Social. Para mostra os datos rexistrados no mes de abril cun 26,5 por cento dos contratos cunha duración inferior a unha semana e o 90 por cento dos contratos asinados de carácter temporal.

Urxe xa traballar pola creación de emprego de calidade e, para elo, é necesario derrogar a reforma laboral. Porque precariedade e temporalidade laboral nunca poden garantir un sistema de Seguridade Social forte e sostible.