Situación dos máis de 80 lumes forestais que azotan Galicia

Publicado por o día 15/10/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Situación dos máis de 80 lumes forestais que azotan Galicia

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h. de hoxe.

ACTIVOS

Paderne de Allariz (Cantoña)
Permanece activo desde as 22,37 h. de onte un lume en Paderne de Allariz, parroquia de Cantoña, que afecta provisionalmente unhas 20 hectáreas. No lugar traballan 3 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 1 pa e 4 helicópteros.

ESTABILIZADOS

San Cristovo de Cea (Covas)
Ás 03,32 h. desta madrugada comezaba un lume en San Cristovo de Cea, parroquia de Covas, que quedou estabilizado ás 13,30 h. deste mediodía. Segundo novas estimacións afecta unhas 40 hectáreas. Traballan no seu control 6 axentes, 7 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 1 avión e 3 helicópteros. Tamén participaron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.

Vilamarín (Vilamarín)
Estabilizado tamén ás 13,30h. o lume que comezou ás 15,47 horas de onte no concello de Vilamarín, parroquia homónima. Segundo as últimas estimacións afecta máis de 100 hectáreas. Na súa extinción traballan 1 técnico, 6 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 2 avións.

Vilariño de Conso (Chaguazoso)
Estabilizado ás 09,40 h. desta mañá o lume rexistrado no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Chaguazoso, tras comezar o mércores ás 16,59 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 400 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 13 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 3 avións.

Vilariño (Sabuguido)
Tamén quedou estabilizado ás 20,10 h. de onte o lume en Sabuguido, concello de Vilariño de Conso, tras comezar ás 10,00 h. do xoves. Afecta provisionalmente unhas 30 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 2 axentes, 2 brigadas e 1 motobomba.

Chantada (Esmeriz)
Tamén quedou estabilizado ás 13,21 h. deste mediodía o lume que comezaba ás 14,38 h. do xoves no concello de Chantada, parroquia de Esmeriz. Segundo as últimas estimacións afecta máis de 150 hectáreas. No seu control levan participado 1 técnico, 15 axentes, 30 brigadas, 25 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 2 avións. Tamén participaron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.

CONTROLADOS

Vilariño (Castiñeira)
Controlado ás 12,47 h. desta mañá o lume rexistrado na parroquia de Castiñeira, concello de Vilariño de Conso, tras comezar o xoves ás 03,45 h. da madrugada. Segundo as últimas estimacións, afecta máis de 50 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 3 avións e 2 helicópteros.

Vilariño de Conso (San Cristovo)
Ás 20,10 h. de onte dábase por controlado o lume en Vilariño de Conso, parroquia de San Cristovo, tras comezar o xoves ás 13,05 h. Afecta provisionalmente 56,69 hectáreas de monte raso. Na súa extinción levan traballado 2 axentes, 3 brigadas e 4 motobombas.

Cualedro (Montes)
Controlado ás 20,08 h. de onte o lume rexistrado ás 22,02 h. do xoves no concello de Cualedro, parroquia de Montes. Segundo as últimas estimacións afecta 97,33 hectáreas, das cales 96 son de monte raso e o resto arborado. Na súa extinción participan 6 axentes, 9 brigadas, 7 motobombas e 2 pas.

Chandrexa de Queixa (Requeixo e Queixa)
Controlado ás 23,41 h. do xoves o lume da parroquia de Requeixo, no concello de Chandrexa de Queixa. Segundo as últimas estimacións afecta arredor de 20 hectáreas. Na súa extinción traballan 5 axentes, 9 brigadas, 2 motobombas e 2 helicópteros.

Tamén quedou controlado ás 19,36 h. do xoves o segundo incendio rexistrado no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa. Segundo as últimas estimacións afecta 33 hectáreas de monte raso. Na zona levan traballado 7 axentes, 11 brigadas, 6 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.

Lobios (Río Caldo)
Controlado ás 22,00 h. do xoves o incendio que comezou o domingo pola noite no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, e que afecta, segundo estimacións provisionais, unha superficie de arredor de 650 hectáreas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. No lugar levan traballado 17 axentes, 33 brigadas, 17 motobombas, 4 avións e 7 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Ás 18,46 h. do xoves quedaba tamén controlado o lume iniciado o pasado domingo ás 23,41 h. no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 90 hectáreas, dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Os medios que levan traballado alí son 11 axentes, 42 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 2 avións.

Paradela (Paradela)
Controlado ás 13,07 h. desta mañá o lume rexistrado ás 07,25 h. de hoxe no municipio de Paradela, parroquia homónima. Segundo estimacións provisionais afecta 26 hectáreas. Para controlar este lume mobilizáronse 2 axentes, 7 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 1 avión.

Folgoso do Courel (Meiraos)
Controlado ás 09,47 h. desta mañá o lume rexistrado ás 07,27 h. do mércores no municipio de Folgoso do Courel, parroquia de Meiraos. Segundo estimacións provisionais afecta unhas 150 hectáreas. Para controlar este lume mobilizáronse 1 técnico, 9 axentes, 40 brigadas, 18 motobombas, 6 pas, 9 helicópteros e 3 avións.

Cervantes (Donís)
Controlado ás 22,05 h. de onte o lume que comezaba o xoves ás 22,10 h. da noite no concello de Cervantes, parroquia de Donís. Segundo as últimas estimacións afecta 55 hectáreas, das cales 5 son de arborado e 50 de raso. No lugar participan na súa extinción 7 axentes, 19 brigadas, 4 motobombas, 3 pas e 6 helicópteros.