A última memoria das Directrices de Ordenación do Territorio constata o avance de Galicia no uso das renovables, superando as indicacións fixadas pola Unión Europea

O presidente da Xunta afirma que “somos líderes en España” neste eido e indica que o 38,4% do consumo de enerxía foi obtida a partir de fontes renovables, unha cifra superior ao 20% fixado para 2020
Por o 01/03/2018 | Sección: Xunta de Galicia
A última memoria das Directrices de Ordenación do Territorio constata o avance de Galicia no uso das renovables, superando as indicacións fixadas pola Unión Europea

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a remisión ao Parlamento da cuarta memoria das Directrices de Ordenación do Territorio que constata que Galicia avanza no uso das enerxías renovables. Segundo o máximo responsable autonómico, “somos líderes en España” neste eido. Non en van, o 38,4% do consumo de enerxía foi obtida a partir de fontes renovables, unha cifra superior ao 20% fixado para 2020; un 77,2% no consumo final bruto de electricidade foi renovable, case o dobre do 40% fixado para 2020; e un 19% en consumo de enerxía primaria renovable, superior ao 12% fixado para 2020.

Nesta mesma liña de eficiencia ambiental, Feijóo subliñou que, segundo o informe, tamén se mantén a mellora constante no indicador da calidade das augas de baño, ao incrementarse nun 5% as augas de baño coa cualificación de excelente e diminuír na mesma porcentaxe as de cualificación insuficiente.

No que atinxe á xestión de residuos, no período 2011-16: reduciuse un 3,4% a xeración de residuos urbanos e incrementouse un 16% a poboación con acceso a puntos limpos.

Outra das liñas estratéxicas que experimenta unha tendencia positiva é a mellora na accesibilidade e na mobilidade, xa que o Plan de Banda Larga 2020 garante xa para máis de 6 de cada 10 galegos cobertura de cando menos 30 MB. E, no eido da mobilidade, actuacións como o Plan de sendas poñen a disposición más de 47 itinerarios peonís e ciclistas na primeira fase e 27 na segunda.

No eido de potenciar o sector primario como parte esencial do medio rural, o documento sinala avances en ámbitos específicos como a agricultura ecolóxica, que vén mantendo un incremento constante da superficie rexistrada e do número de operadores dun 81% e 61%, respectivamente, entre 2011 e 2016. E, tamén destaca o indicador superficie con instrumentos de ordenación e xestión forestal, que amosa un crecemento continuado do 41% entre 2011 e 2016.

No eido económico, destacan ademais outros indicadores como o afianzamento do protagonismo de Galicia no exterior, cun incremento no número de peregrinos con respecto a 2016 (incremento do 9% entre xaneiro e setembro e do 6% en verán), así como de turistas (aumento do 3,2%).

En relación á dinámica urbanística, Feijóo subliñou que esta memoria confirma que se seguen a facer avances para un crecemento ordenado e unha maior protección da paisaxe, tal e como se conclúe ao analizar o inicio da tramitación do Plan Básico Autonómico, así como da Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas, a renovación da Estratexia da Paisaxe 2017-2020, ou o incremento do número de informes de paisaxe nun 34%.

Outra das conclusións que se desprenden desta memoria é que Galicia mantén unha tendencia positiva no número de concellos con desenvolvemento urbanístico adaptado ás Directrices de Ordenación do Territorio. Así, na actualidade hai xa 38 concellos que contan con plan xeral de ordenación municipal adaptado ás DOT, fronte aos 9 que recollía a primeira memoria, é dicir, catro veces máis. Ademais dos PXOM aprobados, un total de 178 están en elaboración, o que supón un 68% dos concellos e máis de dous terzos da superficie de Galicia estarán adaptados ás Directrices de Ordenación do Territorio.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que estes datos apuntan a que a Comunidade galega vai na dirección correcta para lograr o obxectivo das Directrices.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.