Última Mesa do Camiño e visita ao Belén do Pazo como preludio do Nadal en Mos

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu esta tarde a derradeira Mesa e gozou dunha visita ao nacemento
Publicado por o día 18/12/2017 na sección de Galicia,Mos

Última Mesa do Camiño e visita ao Belén do Pazo como preludio do Nadal en Mos

Esta tarde celebrouse a última Mesa do Camiño do Concello de Mos do ano 2017, presidida pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen aproveitou para visitar o Belén do Pazo de Mos que, xunto co de Herville, son os dous nacementos mosenses que figuran na Guía de Turismo de Galicia de Lugares de Interese Navideño.

Ademais de Nava Castro, no acto estiveron presentes, Ignacio López-Chaves, delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos , Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo de Mos, demais membros integrantes da Mesa do Camiño de Mos e demais membros do goberno local.

O Belén do Pazo de Mos foi elaborado por un grupo de 15 veciños e veciñas da parroquia que, ademais, durante a montaxe do mesmo, impartiron un taller infantil ao que asistiron preto de 20 cativos mosenses. O obradoiro impartiuse durante dous sábados: 18 e 25 de novembro, e inaugurouse o pasado 10 de decembro.

Resultado do traballo desta quincena de habitantes de Mos, o Pazo dos Marqueses alberga un nacemento de 24 metros cadrados e preto de 300 figuras, ademais de construcións e elementos orográficos tales coma o castelo, casas, un río, unha fervenza, montañas, muíños de auga e de vento, etc. En canto a materiais empregáronse area, musgo, madeira e escuma de poliuretano para fabricar as montañas. Ademais o Belén do Pazo de Mos conta con instalación eléctrica para o funcionamento dos sistemas de iluminación e movemento mecánico de moitos dos elementos expostos.

Trátase dun Belén tradicional que fai as delicias de pequenos e maiores e que hoxe cautivou tamén á directora de Turismo, Nava Castro.

Tras a visita ao nacemento celebrouse no Pazo de Mos a derradeira Mesa do Camiño do ano 2017, na que se abordaron as iniciativas a acometer no tramo mosense do Camiño Portugués ás que a directora da Axencia de Turismo, Nava Castro, manifestou o seu apoio tales coma instalación de cubre contenedores de madeira, organización dun programa de actividades culturais, mellora do propio tramo do camiño con obras de optimización do firme e do sistema de recollida de augas pluviais e estudiarase tamén a posibilidade de crear algunha área de descanso tipo merendeiro.

Tamén nesta última Mesa do Camiño do ano fíxose balance dos programas, propostas e actividades recollidos e levados a cabo pola mesma durante o 2017 e presentouse o proxecto coas previsións a acometer durante o vindeiro 2018. Tamén se lle trasladaron a Nava Castro algunhas necesidades por resolver no tramo do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso por Mos.