Ultimados os dispositivos de mobilidade e seguridade para os mundiais de tríatlon

Os usuarios do Mercado de abastos reciben información sobre como afectarán as probas á instalación municipal, que permanecerá aberta todos os sábados e co estacionamento soterrado en funcionamento.
Por o 08/04/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra
Ultimados os dispositivos de mobilidade e seguridade para os mundiais de tríatlon
Compartir en:

A 18 días do inicio dos campionatos do mundo de tríatlon, o Concello de Pontevedra intensifica a súa actividade para ter lista a cidade e o concello para o 26 de abril. Hoxe celebrouse unha reunión de coordinación de todos os servizos municipais e empresas implicadas na organización do evento. Tamén se mantivo unha reunión cos usuarios do Mercado de abastos, e deuse a coñecer o plan de tráfico para o reasfaltado da Ponte dos Tirantes, medida necesaria para que se dispute o tríatlon.

A reunión celebrada ás 10.00 da mañá na xefatura da Policía Local tiña por obxecto coordinar a todos os servizos implicados na mobilidade e seguridade dos mundiais. Policía, bombeiros, protección civil, deportes, limpeza, augas, servizos técnicos e empresas privadas vinculadas ao evento (de sinalización, rescate no río… por exemplo) ultimaron os dispositivos que se porán en marcha durante a semana dos campionatos.

Mercado de Abastos

Ás 12.00 da mañá as concelleiras de Deportes, Anxos Riveiro e de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, xunto ao portavoz da Policía Local, Manuel Omil, mantiveron un encontro cos usuarios do mercado de abastos para informarlles da situación na que queda esta instalación municipal durante os sábados 27 de abril e 3 de maio. O mercado manterá a súa actividade e, incluso, se poderá acceder con vehículo ao estacionamento soterrado.

Ponte dos Tirantes

Ao longo da mañá tamén se deu a coñecer o dispositivo de tráfico elaborado pola Policía Local para asfaltar a Ponte dos Tirantes. Por esixencia das competicións, o Concello está a realizar melloras no firme das vías municipais tanto da cidade como no rural.

No rural estase a asfaltar no Gabián (Verducido) e na cidade será preciso reasfaltar os carrís de circulación da ponte dos Tirantes nas xornadas de mañá e do mércores. Cada día está previsto pechar un carril de circulación. Os peches faranse despois da entrada aos colexios da zona da Xunqueira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.