Último mes para presentarse ao XIII Premio de Poesía Afundación

Publicado por o día 01/09/2015 na sección de Cultura

Último mes para presentarse ao XIII Premio de Poesía Afundación
  • – A Xunta, o Centro Pen de Galicia e Afundación convocan o certame
  • – I Poden concorrer obras inéditas de máis de 600 versos escritas en lingua galega

 As persoas interesadas en participar na décimo terceira convocatoria do Premio de Poesía Afundación poderán presentar os seus orixinais ata o próximo 2 de outubro, data na que termina o prazo de entrega desta nova edición que a Fundación Galicia Obra Social (Afundación) organiza en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e co Centro Pen de Galicia. O seu obxectivo é recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega.

Ao certame poden concorrer obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e como presidente actuará o titular do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no último trimestre de 2015. O texto ganador recibirá un único premio de 6000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.

A HISTORIA DO PREMIO

O galardón comezou a andar no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de ganadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño e Elías Portela, ganador da anterior convocatoria.

A presente edición, a décimo terceira, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do premio e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro Pen de Galicia, tras trece anos de implicación

e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

PRENSA AFUNDACIÓN