Último mes para visitar a exposición «Galicia 100» no Teatro Afundación de Vigo

A mostra está organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración de Afundación e ABANCA, e constrúe un relato da cultura galega a través da selección e da relación de cen obxectos.
Publicado por o día 27/02/2017 na sección de Cultura,Vigo

Último mes para visitar a exposición  «Galicia 100» no Teatro Afundación  de Vigo

A exposición «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura» permanecerá aberta ao público ata o vindeior 25 de marzo, na Sala de Exposicións do Teatro Afundación Vigo. A iniciativa consiste nunha selección de obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotián, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite, que representa a evolución do sector agrogandeiro, ou un pote de queimada, xunto a outros máis emblemáticos como a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, a cadea coa que se sospeita que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios. O horario de apertura ao público é de luns a venres de 17.30 a 20.30 h, sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 h.

O PROXECTO

O proxecto expositivo ten dúas posibles lecturas. Por unha banda, está o catálogo, no que o lector atopará unha lectura cronolóxica dos obxectos e no que estes están comentados, en textos divulgativos, por máis de sesenta expertos de numerosos ámbitos de investigación (historia, ciencias, comunicación, etnografía, industria…), entre os que figuran Francisco Díaz-Fierros, Chus Martínez Domínguez, Emilio Pérez Touriño, Xurxo Ayán ou David Barro. Este catálogo, ademais de impreso, dispón de web e unha aplicación gratuíta para móbiles e tabletas na que, ademais dos contidos textuais e gráficos, o usuario pode acceder a recursos interactivos, multimedia e participativos. Tanto o catálogo coma a aplicación poderán descargarse de balde desde a web da exposición.

Por outra banda, existe unha agrupación dos obxectos en torno a sete grandes módulos (Poder, Territorio, Comunidade, Códigos, Transicións, Redes e Trasmundo).

Na mostra, as pezas agrúpanse rompendo o tradicional esquema cronolóxico e buscando o diálogo e as relacións a través de épocas, dos elementos entre si e deles co visitante. A proposta anima o público a explorar as conexións e os sentidos entre obxectos, combinando referentes de gran valor e significado histórico con obxectos cotiáns e humildes do noso pasado.

Coa finalidade de difundir a exposición, nas vindeiras semanas comezará un programa de visitas-obradoiro didácticas pensadas para un público escolar. «A cápsula do tempo», para nenas e nenos de educación infantil ata terceiro de primaria; «Galicia nun crebacabezas de 100 pezas», para o período formativo que abrangue desde cuarto de primaria ata segundo da ESO; e «Galicia 100», pensado para ESO, bacharelato e ciclos formativos son as tres iniciativas que se celebrarán durante a estancia da mostra na Coruña.

A exposición «Galicia 100» está comisariada por Manuel Gago e contou cun consello asesor de destacados especialistas, encabezado por Ramón Villares, entre os que figuran Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.

Construír exposicións de carácter histórico a través de obxectos é unha fórmula xa explorada. En 2010, o British Museum iniciou coa BBC Radio 4 un proxecto que deu lugar ao coñecido «A history of the world in 100 objects», que foi adaptado e seguido noutros contextos como os Estados Unidos ou Irlanda. Precisamente, o comisario da xposición irlandesa, Fintan O´Toole, escribe un capítulo no catálogo desta mostra que incide na importancia da selección dos obxectos, non pola súa beleza ou a súa valía, senón polas pegadas invisibles que quedan neles.