Últimos días da exposición «Latexos na Colección de Arte Afundación» na Sede Afundación de Vigo

Preto de 6000 persoas visitaron esta proposta expositiva que pechará as súas portas o vindeiro 29 de xuño
Publicado por o día 21/06/2019 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

Últimos días da exposición «Latexos na Colección de Arte Afundación» na Sede Afundación de Vigo

Últimos días para visitar «Latexos na Colección de Arte Afundación», unha ollada diferente sobre unha das coleccións de arte privadas máis importantes de Galicia declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, a Colección de Arte de Afundación, a Obra Social de ABANCA. A exposición, que xa visitaron preto de 6000 persoas, poderase visitar ata o vindeiro 29 de xuño, de xoves a sábado en horario de 17.30 a 20.30 h.

«Latexos na Colección de Arte Afundación»

Nesta nova revisión da Colección de Arte Afundación ofrécese unha ollada poliédrica sobre a súa diversidade, percorrendo as numerosas lecturas que permite unha colección desta riqueza e pluralidade. A exposición bascula entre un punto de vista vencellado á historia da arte, desde o que se amosan técnicas artísticas, diferentes estilos ou a conexión coa historia; e un punto de vista temático con que podemos percorrer Galicia ou viaxar polo mundo, ademais de descubrir as reflexións que agochan as obras contemporáneas máis aparentemente lúdicas, ao tempo que se destaca o papel da muller como representada e como artista.

Desde que en 1975 empezou a andar a Colección de Arte Afundación, un dos alicerces inherentes a ela foi o compromiso coa sociedade galega, apoiando a construción dun patrimonio artístico diverso e transversal, e o achegamento deste ao público, con especial atención ao infantil.

A sinerxía común, que comeza naqueles anos de Transición, leva á vertebración dun tecido artístico que foi medrando ata custodiar hoxe en día máis de 5000 obras, personalizadas nas súas múltiples variantes estilísticas e técnicas, e nun abano cronolóxico que arranca no século XIX e chega ata a actualidade. Desde a primeira produción catalogada, unha escultura de Buciños, ata as últimas pezas de artistas emerxentes, a colección de Afundación aspirou a fomentar e divulgar o coñecemento da arte no noso país, un labor referendado no ano 2015 pola Xunta de Galicia que a declarou Ben de Interese Cultural.

Di o historiador E. H. Gombrich, citado pola asesora da mostra, Mercedes Rozas, que «cada xeración rebélase dalgún xeito contra os puntos de mira do seu país; cada obra de arte expresa a súa mensaxe á súa contemporaneidade non só polo que contén, senón polo que deixa de conter». As sucesivas xeracións de artistas que dan forma a esta colección materializan coas súas intervencións constantes cambios de actuación, tanto formais como conceptuais, que actualizan a esencia do pasado con procedementos e recursos do presente, pulsando así, creación a creación, o latexar duns fondos que seguen vivos segundo a sociedade o demanda. A exposición está composta por un total de 68 pezas que reflicten a evolución dunha das coleccións de arte galega máis importantes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.