Últimos días para inscribirse na viaxe á capital arxentina con motivo do centenario da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires

Os mosenses que queiran participar contan cunha subvención municipal e a admistración local tramitou unha axuda autonómica para levar a un grupo de artistas de Mos que actúen nos actos de celebración
Publicado por o día 22/01/2018 na sección de Galicia,Mos

Últimos días para inscribirse na viaxe á capital arxentina con motivo do centenario da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Cultura, Sara Cebreiro, lembraron hoxe que os interesados en participar na viaxe organizada polo Concello para celebrar o centenario da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires na capital arxentina, dispoñen dos últimos días para inscribirse.

A Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires recibiu en 2010 a Medalla ó Mérito Cultural do Concello de Mos por lograr manter viva na emigración, mediante os seus grupos de baile e gaitas entre outras iniciativas, a cultura galega e mosense en particular a pesar da distancia de máis de 12.000 kilómetros que separa ós seus membros do seu municipio de orixe. Os integrantes da Asociación viaxaron ese ano a Mos durante as Festas da Rosa para recoller en persoa tan emblemático galardón.

A Asociación cumpre no presente ano 2018 un século de vida e para elo a administración local mosense organiza unha visita á capital arxentina subvencionada para os veciños e veciñas de Mos que queiran participar. O Concello subvenciona 100 euros por persoa e viaxe aos/ás empadroados/as que decidan desprazarse ata Bos Aires.

Na viaxe haberá tamén unha importante representación municipal e dende o Concello solicitouse unha axuda da Xunta de Galicia que lle permita á administración local levar a un grupo de artistas mosenses en representación da cultura municipal para que actúen nos actos de celebración do centenario da creación da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires.

Ademais Arévalo e Cebreiro apuntaron tamén que dende o Consistorio estase xa a traballar na elaboración dun vídeo conmemorativo con mensaxes de personalidades relevantes do municipio para que poida ser emitido durante os actos de celebración en Bos Aires.

A viaxe realizarase do 25 de abril ao 3 de maio e os interesados en participar aínda poden inscribirse nas oficinas do Multiusos das Pozas (Teléfono: 986 33 94 04).

Teñen preferencia para participar na viaxe os/as empadroados/as en Mos e as prazas serán asignadas por rigorosa orde de solicitude. De quedar prazas vacantes poderán viaxar tamén os/as non empadroados/as pero sen beneficiarse da subvención municipal (é dicir deberán pagar 100 euros a maiores). O prezo da viaxe para os mosenses empadroados é de 865 euros só voo e 1.120 euros voo máis hotel.

O paquete só avión: dende 865 €/praza inclúe billete de avión en clase turista de Iberia regular Vigo – Bos Aires – Vigo, vía Madrid, equipaxe facturado: 1 bulto de ata 20 Kg, seguro de viaxe (ata 1.800 euros en gastos de anulación por causas xustificadas e reflexadas na póliza e ata 4.500 euros en gastos médicos en destino); cobertura máxima 34 días, impostos vixentes na data de cotización e asistencia na saída do aeroporto de Vigo.

O paquete con hotel: dende 1.120 €/praza inclúe billete de avión en clase turista de Iberia regular Vigo – Bos Aires – Vigo, vía Madrid, equipaxe facturado: 1 bulto de ata 20 Kg, traslados aeroporto – hotel – aeroporto, estancia 7 noites no hotel Dazzler Maipú, almorzo incluido, habitación doble, traslado hotel – Centro Asociación Residentes de Mos en Bos Aires– hotel (1 día), seguro de viaxe (ata 1.800 euros en gastos de anulación por causas xustificadas e reflexadas na póliza e ata 4.500 euros en gastos médicos en destino); cobertura máxima 34 días, impostos vixentes na data de cotización, e asistencia na saída do aeroporto de Vigo.

Os interesados terán a posibilidade de prorroga-la estadía en Bos Aires ampliando a data de regreso ata 45 días despois do inicio da viaxe.