Últimos días para a compra de abonos para a Tempada de Música Clásica de Afundación

Os abonos supoñen un aforro do 20% e estarán dispoñibles na web Ataquilla.com ata o 1 de setembro
Publicado por o día 20/08/2019 na sección de Galicia,Vigo

Últimos días para a compra de abonos para a Tempada de Música Clásica de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa coa venda dos abonos para a súa nova Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo que se desenvolverá de setembro a decembro no Teatro Afundación de Vigo. Inclúe cinco concertos a cargo da Real Filharmonía de Galicia, a Orquesta Sinfónica de Galicia, a Orquestra de Cámara de San Petesburgo e cantantes líricas participantes no X Ciclo de Música de Barcia de Mera.

Os abonos, que supoñen un aforro do 20 % con respecto ao prezo dos billetes individuais, estarán dispoñibles ata o 1 de setembro na web Ataquilla.com.

A PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS

Todos os recitais incluídos na Tempada de Música Clásica terán lugar no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.00 h.

Abrirá a programación a ópera nun acto Suor Angelica, de G. Puccini, interpretada pola soprano Beatriz Díaz, a mezzosoprano Belén Elvira e as solistas femininas de Vox Stelae. Este concerto, incluído no X Ciclo de Música de Barcia de Mera, será o 30 de setembro.

A Orquesta Sinfónica de Galicia ofrecerá dous recitais, o primeiro o 9 de outubro con David Grimal como director e violinista, e o segundo o 20 de decembro, con Dima Slobodeniouk á dirección e ao piano.

A programación complétase coa participación da Orquestra de Cámara de San Petesburgo, dirixida por Juri Gilbo, o 17 de outubro, e da Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Mijail Jurowski e o violín de Ellino D’ Melon, o 30 de outubro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.