Últimos días para visitar a exposición “Imaxinar a educación. 50 anos con Frato”

Dez colexios realizarán as últimas visitas concertadas e os derradeiros ‘roteiros Tonucci’ ata o venres.
Publicado por o día 06/06/2017 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra,Vigo

Últimos días para visitar a exposición “Imaxinar a educación. 50 anos con Frato”

A exposición ‘Imaxinar a educación.50 anos con Frato’ que a Deputación de Pontevedra abriu o pasado 28 de abril no Pazo da Cultura sobre a traxectoria e as viñetas de Francesco Tonucci encara xa a súa recta final. O último día para visitala será este domingo día 11 en horario de mañá.

A mostra está a resultar todo un éxito, xa que a mediados de maio xa superaba os 4.000 visitantes, cifra na que se contan tanto as visitas concertadas cos colexios de toda a provincia como tamén as realizadas de xeito libre por grupos, asociacións, entidades e veciños e veciñas de Pontevedra e outros concellos. Nos vindeiros días están organizadas as recepcións de grupos de escolares dos CEIP A Xunqueira I, CEP Pedro Caselles –Tomiño-, CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, CRA Antía Cal de Gondomar, CEIP A Xunqueira II, EEI de Vilariño de A Pobra do Caramiñal, CEIP Otero Pedrayo de Vigo, CEIP Santa Mariña Becerreira Cabral de Vigo e do CEIP Ceip Plurilingüe de Guillarei, de Tui.

En total, pasarán pola exposición –de xeito concertado- 57 centros educativos de 24 concellos da provincia e outras localidades do país, estando adheridos dez deles ao proxecto ‘Cidades das nenas e dos nenos’ de Francesco Tonucci, que propón que os espazos públicos se deseñen á medida das crianzas para que sexan válidos para o resto dos cidadáns.

A exposición ‘Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato’ fai un percorrido polas viñetas máis representativas de Francesco Tonucci–asinadas co seudónimo de Frato dende hai 50 anos-, que aportan unha visión do mundo moi crítica a través dos ollos das crianzas.

Ao mesmo tempo ofrece un grande espazo de xogos e obradoiros para que nenos e nenas desenvolvan libremente a súa autonomía, intelixencia, creatividade e a súa capacidade para aprender e construír: hai un obradoiro de bicicletas, un para crear figuras de construcións, un espazo de xogos tradicionais, un área de natureza para facer experimentos e incluso zonas de teatro e debate abertas a todos os visitantes. O que se busca, principalmente, é a interacción cos visitantes A exposición está aberta ao público no Pazo da Cultura, DE BALDE, durante todos os días da semana nos seguintes horarios:

Luns: de 10 a 14 horas.

Martes a Venres: de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

Sábados: de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas.

Domingos: de 11 a 14 horas.

Roteiro Tonucci

Ademais da exposición do Pazo da Cultura, a Deputación segue a realizar os chamados ‘roteiros Tonucci’ da man de Migallas Teatro. A intención é que pequenos e pequenas de diferentes vilas da provincia –e tamén da capital- gocen da cidade de Pontevedra, considerada a cidade dos nenos e das nenas polo propio Francesco Tonucci, aproveitando os espazos públicos gañados ao coche.

Os roteiros finais serán mañá mércores, o xoves e o venres, con rapaces dos CEIP Manuel Vidal Portela, Froebel, Xunqueira I, Xunqueira II (de Pontevedra) e do CEIP Plurilingüe de Guillarei (Tui). En total, unha vez finalizadas estas actividades, terán gozado das xincanas pola cidade preto de 800 nenos de toda a provincia.