Un 13% da poboación da área sanitaria de Vigo padece algún grao de insuficiencia renal e unha gran parte descoñéceo

Cada ano aumenta en medio centenar o número de enfermos que necesitan someterse a procesos de diálise
Por o 17/03/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
Un 13% da poboación da área sanitaria de Vigo padece algún grao de insuficiencia renal e unha gran parte descoñéceo

Ao redor dun 13% da poboación da área sanitaria de Vigo padece algún grao de insuficiencia renal e unha gran parte descoñéceo. É a porcentaxe que se estima no servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e que recordou xoves, con motivo da celebración do Día Mundial do Ril.

A prevención e o diagnóstico precoz desta patoloxía é fundamental, segundo os nefrólogos do CHUVI, e a detección da insuficiencia renal é inicialmente sinxela. “A nosa recomendación é que a partir dos 50 anos de idade, debería realizarse un control da tensión arterial e consultar ao médico de familia, especialmente en caso de hipertensión, diabetes ou obesidade, para realizar unha valoración global de risco cardiovascular, que xa inclúe a avaliación dunha posible insuficiencia renal crónica oculta”, explica o xefe do Servizo de Nefroloxía do CHUVI, o doutor José María Lamas.

A chamada á prevención da insuficiencia renal prodúcese con motivo da celebración, o xoves, do Día Mundial do Ril.

A asociación Alcer celebrou esta efeméride cunha mesa informativa no Álvaro Cunqueiro na que se lle facilitou aos interesados información sobre os protocolos a seguir no caso de sospeita desta enfermidade, así como a necesidade de realizar os mencionados controis para a detección precoz da mesma.

Crecemento anual

O Servizo de Nefroloxía do CHUVI, situado no Álvaro Cunqueiro, tratou o último ano una media de 552 pacientes con Insuficiencia Renal Crónica Avanzada. Unha cifra lixeiramente superior á rexistrada en anos anteriores. “Se atendemos ao número de habitantes da área sanitaria de Vigo, movémonos en porcentaxes moi similares á media española”, aclara o doutor Lamas. No último ano medrou en 56 o número de pacientes atendidos no Servizo.

Do total de casos en seguimento, 239 pacientes están sometidos a hemodiálise; outros 36 están en tratamento de diálise peritoneal. E o resto, 277 pacientes, reciben os coidados propios tras un transplante de ril.

Unidade pioneira en Galicia

A Unidade de Diálise do CHUVI está considerada como pioneira en Galicia na dixitalización completa do proceso de hemodiálise, que se implementou no mes de xullo do ano pasado.

Este avance tecnolóxico posibilitou o acceso á información e o control do tratamento de todos os pacientes en hemodiálise, e exportar os datos de interese do tratamento á historia clínica electrónica de diálise do paciente.

Co sistema implantado, cada paciente conta cunha tarxeta intelixente personalizada, que almacena os datos específicos do seu tratamento, e que son rexistrados polo monitor de hemodiálise (“ril artificial”) cando a tarxeta é conectada ao mesmo para programar a sesión. Á súa vez, o monitor se comunica coa historia electrónica de hemodiálise onde voltea toda esa información en tempo real, para o control da sesión e para o seu almacenamento e análises posterior.

“Sen dúbida, o máis significativo deste avance tecnolóxico é o aporte dunha maior seguridade en todo o proceso, xa que ao pautar dixitalmente o tratamento elimínanse posibles errores na súa transcrición e aplicación. Ademais, facilita o traballo do persoal de enfermaría, de xeito que antes tiña que facer manualmente o rexistro dos datos durante a sesión e posteriormente introducilos no programa de xestión mentres que agora quedan rexistrados automaticamente”, subliña o doutor José María Lamas

Comentar noticia

Your email address will not be published.